Convocatorias
17/08/2018

A Secretaría Xeral para o Deporte amplía o prazo para a presentación de solicitudes de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e aumenta o crédito ata 500.000 euros

Resolución do 7 de agosto de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que modifica a convocatoria para o ano 2018 regulada na Resolución do 29 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR949A).

A Resolución do 29 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR949A), establece na convocatoria para o exercicio económico de 2018 un crédito orzamentario para financiar estas axudas de 275.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.441A.780.1, Convocatoria para equipamento deportivo ás entidades deportivas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

En virtude dunha transferencia de crédito, a dotación destinada ás subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos sufriu un incremento de 225.000,00 euros, contando cun crédito final de 500.000,00 euros.

Ante este incremento do crédito dispoñible para atender a adquisición de equipamentos deportivos polos clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e federacións deportivas galegas, incremento necesario para que desenvolvan a práctica deportiva en condicións óptimas, tanto en termos de rendemento como de seguridade, esta modificación debe garantir que todas estas entidades poidan solicitar axudas con base nese incremento de crédito, realizando unha nova convocatoria, que recolla ese incremento de crédito e un novo prazo para presentar solicitudes.