Convocatorias
22/12/2017

A secretaría xeral para o Deporte reparte 600.000 euros ao abeiro da convocatoria de axudas a deportistas de alto nivel DGAN 2017

Das 313 axudas concedidas, 208 foron para homes e 105 para mulleres, o 34% do total, unha porcentaxe que medra con respecto as axudas a deportistas de alto nivel concedidas en 2016

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar na súa páxina web a resolución do 22 de decembro do Padroado da Fundación Deporte Galego sobre a convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel ‘Axudas DGAN 2017’. Ao abeiro desta resolución, a Secretaría Xeral para o Deporte aprobou 258 solicitudes, valorou 516 axudas e concedeu 313 por importe de 600.000 euros para os deportistas galegos e galegas de alto nivel nas anualidades 2015 e 2016. Cómpre lembrar que a principal novidade desta convocatoria é que poden solicitar axuda todos aqueles deportistas que estean ou estiveran recoñecidos pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas de Alto Nivel nalgún momento dos anos 2015, 2016 e 2017 (aínda que a día de hoxe non estea vixente o recoñecemento).

Das 270 solicitudes rexistradas, 258 foron aceptadas e de aí valoráronse 516 axudas (nalgúns casos dúas por solicitante para os anos 2015 e 2016). Do total de axudas valoradas concedéronse 146 atendendo aos méritos acadados no ano 2015 e outras 167 no ano 2016, mentres que 203 foron denegadas por non acadar a puntuación suficiente ou ben non ter o recoñecemento DGAN no ano en cuestión.

Máis ao fondo, das 313 axudas concedidas, 208 foron para homes e 105 para mulleres, o 34% do total, unha porcentaxe que medra con respecto as axudas a deportistas de alto nivel concedidas en 2016. Ademais, 21 axudas foron olímpicas cun importe de 129.500 euros (unha axuda DGAN de ouro, dúas de prata, 11 por diploma e 7 por participación).

Axudas DGAN 2017

Esta convocatoria de axudas sae despois da resolución da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel polo procedemento iniciado en xuño de 2017. Ao abeiro desta resolución 28 novos deportistas (19 homes e 9 mulleres) son recoñecidos como deportistas de alto nivel que se suman aos 330 recoñecidos en anteriores convocatorias. Deste xeito, Galicia conta no momento actual con 358 deportistas galegos de alto nivel (224 homes e 134 mulleres).

Novo decreto

A Secretaría Xeral para o Deporte está a traballar na elaboración do proxecto de decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O pasado mes de xullo deuse inicio ao trámite de participación cidadá para compilar a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas polos futuros regulamentos acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores, árbitros e xuíces galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.