Nova
15/06/2017
Eventos

CICLISMO: A selección de Galicia viaxa con nove riders ao Campionato de España de Descenso en Ubrique

O combinado autonómico contará con representación en cinco categorías e en catro delas estará capitaneado polos pilotos que hai quince días se proclamaron campións de Galicia en Vilaboa.

Un ano despois de asinar unha histórica actuación no Campionato de España de Descenso (DH) celebrado en Vigo, os riders galegos volverán pugnar esta fin de semana polos títulos estatais. Nesta ocasión poranse en xogo na localidade gaditana de Ubrique, ata onde a selección de Galicia despraza nove corredores.
O combinado autonómico contará con representación en cinco categorías e en catro delas estará capitaneado polos pilotos que hai quince días se proclamaron campións de Galicia en Vilaboa: o cadete Marco Martínez (Corbelo), o júnior Víctor Mariño (XBikes), o sub23 Manuel Martínez Cortiñas (Tribu del Ñu) e o elite Manuel Pellón (BDM Bike Club).
A lista complétana o júnior Alejandro Paz (Compostelano), o sub23 Kevin Méndez (Del Mar Mugardos), os elites Marco Veiga (CiclosQuintena) e Gabriel Alonso (Xtrembike), e o máster-30A Alejandro Vila (Xtrembike), que defende a coroa acadada o pasado ano.
No 2016 os riders galegos conseguiron cinco ouros, tres pratas e un bronce na parroquia viguesa de Coruxo. Un total de nove medallas nas que sobresaíron os triunfos en elite de Ángel Suárez e de Carme Rosa Martínez.
O trazado de Ubrique ten unha distancia de 1.400 metros, cuns 260 de desnivel. Un percorrido “espectacular, tanto para os descenders como para os espectadores”, aseguran desde a organización da proba. Este circuíto xa acolleu o pasado ano o DH Barada Ubrique, puntuable para o Open de España.
“A primeira parte transcorre por unha baixada moi pronunciada, en terra, na que puxemos varios ‘dubbing’ para gañar en espectacularidade. A continuación éntrase nun ‘rock garden’, e de aí pásase a unha zona máis abrupta, nun pequeno bosque, para seguir por unha zona estreita e ter un final con catro grandes saltos antes da meta na Plaza de las Palmeras”, sinalan.
O programa do Campionato de España comezará o venres pola tarde co recoñecemento a pé do circuíto. O sábado terán lugar os primeiros adestramentos, que se prolongarán o domingo pola mañá ata que ás 10:00 horas arranque a quenda clasificatoria e posteriormente a final.