Nova
24/10/2017
Eventos

CICLOCROSS: Iván Feijoo e Irene Trabazo redondearon a súa fin de semana triunfal en Ferrol

O Club Ciclista Ferrol organizou no Club de Campo da cidade departamental este evento, que contou con 300 participantes.

Vencedores e vencedoras do V Trofeo Cidade de Ferrol

 
Clasificacións do V Trofeo Cidade de Ferrol
 
A Copa Galicia de Ciclocross tivo dous grandes dominadores durante a dobre cita celebrada na fin de semana en Ferrol. Iván Feijoo (Academia Postal - Actyon - Maceda) e Irene Trabazo (Marín Ottoman) repetiron este domingo no Club de CAMPO como gañadores das probas raíñas despois de terse imposto o sábado no Val de Esmelle. Os dous sub23 reforzaron os seus liderados nos rankings do certame autonómico.
Os outros gañadores do V Trofeo Cidade de Ferrol foron Noela Saa (Academia Postal - Actyon - Maceda) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en cadetes, Carlos Canal (Academia Postal - Actyon - Maceda) e Sara Yusto (Bioracer) en júniors, Darío Otero (Compostelano) e Isabel Castro (Condado Bike) en elites, Montserrat Martínez (Viana) nas másters; Andrés Calvete (Cambre - Renault Caeiro) nos másters-30; Juan José Saborido (Compostelano) nos masters-40, e Mario Castro (Cortizo - Anova) nos másters-50/60.
O Club Ciclista Ferrol organizou no Club de Campo da cidade departamental este evento, que contou con 300 participantes, un excelente rexistro que ratifica o auxe desta modalidade. O circuíto de Pazos - Serantes é un escenario coñecido polos corredores galegos e volveu estar á altura. O tempo respectou os ciclistas e a chuvia no fixo acto de presenza.
Neste inicio da temporada Irene Trabazo está un paso por diante das súas rivais na categoría elite e sub23. A marinense volveu manexar a carreira con comodidade e sumou o seu terceiro triunfo noutras tantas xornadas disputadas. A sub23 do Marín Ottoman aventaxou en 1:22 a Isabel Castro e en 1:43 a María José Gómez, corredora elite do Cambre - Renault Caeiro.
Dobrete sub23
Un guión diferente seguiu a competición raíña masculina. O sub23 Román Saa rodou en cabeza nas primeiras voltas, ata que o seu compañeiro de equipo Iván Feijoo o superou e puxo a directa cara o seu segundo triúnfo consecutivo. Debutante na categoría, o alaricano venceu cun rexistro de 54:18. A un minuto e 37 segundos entrou Román Saa, que selou o dobrete sub23 do Academia Postal - Action - Maceda tras bater ao esprinte a Darío Otero, primeiro elite. Quince segundos máis tarde finalizou Adrián Valverde (Rías Baixas), que foi de menos a máis, e fíxose coa cuarta praza co mesmo tempo que Jose Rodríguez (De La Fuente).
Os maillots de líderes da Copa Galicia non cambian de propietarios, salvo nos másters-50/60. Mario Castro é agora o primeiro clasificado na categoría dos máis veteranos. No resto dos rankings mantéñense no máis alto Noela Saa e Miguel Rodríguez en cadetes, Jorge Suárez e Jessica Costa en júniors, Irene Trabazo e Samuel González en sub23, Isabel Castro e Adrián Valerde en elites; Juan José Chapela (Masters Morrazo) nos másters-30, Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos másters-40 e Montserrat Martínez nas másters.
O certame autonómico vivirá agora unha paréntese de dúas semanas e regresará o sábado 11 de novembro oa súa cuarta proba puntuable, o VI Trofeo Ciclocross Dumbría.