Nova
21/11/2019
Institucionais

Deporte acredita a finalización das obras de renovación de catro instalacións deportivas de Pontevedra por importe de 115.000 euros

En total, na provincia de Pontevedra realizáronse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros

Salvaterra de Miño, Arbo, Crecente e A Cañiza (Pontevedra), 21 de novembro de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe os concellos pontevedreses de Salvaterra de Miño, Arbo, Crecente e A Cañiza onde supervisou as obras levadas a cabo pola Xunta de Galicia para a renovación de catro instalacións deportivas cun orzamento total de 114.684,12 euros.

No caso de Salvaterra de Miño, o mandatario galego inaugurou a pista de pádel construída no lugar do Casal e que contou cun orzamento de 47.819,08 euros segundo o convenio asinado no pasado mes de abril. A continuación, Lete Lasa dirixiuse a ao Concello de Arbo para supervisar o remate das actuacións de mantemento no polideportivo municipal que contou cun presuposto de 14.978,13 euros, integramente achegados pola Xunta de Galicia. No Concello de Crecente, o secretario xeral comprobou a funcionalidade da nova instalación de megafonía do pavillón municipal, tamén financiada de xeito íntegro pola administración autonómica cunha achega de 3.500 euros. Por último, o responsable da carteira de Deporte, viaxou ao Concello da Cañiza para dar o visto bo ao remate das actuacións de cuberta da pista de pádel existente e que contaron cun orzamento de 48.386,91 euros, achegando o Goberno galego o 83% do mesmo (83%).

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, na provincia de Pontevedra realizáronse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.