Nova
31/10/2020
Institucionais

A Federación Galega de Loita presenta a súa campaña ‘Deporte federado, deporte seguro’ a través da que entrega aos seus clubs puntos hixiénicos e bonecos de adestramento

  • Lete Lasa valora a importancia desta iniciativa e volve aplaudir a “gran capacidade de adaptación do deporte galego”

Vigo, 31 de outubro de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da campaña da Federación Galega de Loita ‘Deporte Federado, Deporte Seguro’.

Ao abeiro desta iniciativa, Loita presenta os seus puntos hixiénicos que entrega aos seus clubs coas normas establecidas anticovid aprobadas no protocolo FISICOVID DXT-GALEGO elaborado pola Xunta de Galicia. Ademais, a federación tamén entrega ás súas entidades bonecos de adestramento -wrestling dummies- como paso previo á competición sen contacto. A proposta está a ter gran repercusión a nivel nacional, tendo na federación galega a punta de lanza mediática e deportiva para xerar confianza no deporte. O obxectivo primordial é encher os clubs de deportistas cumprindo sempre ás medidas de seguridade establecidas e propoñer unha actividade alternativa cos bonecos de adestramento.

Lete Lasa valorou a importancia desta iniciativa e volveu aplaudir a “gran capacidade de adaptación do deporte galego”. Neste sentido augurou un “futuro esplendoroso” á loita galega que conta con deportistas mozos de excelente nivel e coa intelixencia que lle permite encabezar campañas seguras coma esta. “Con traballo, esforzo e colaboración, poderemos construír un futuro mellor para que estes mozos e mozas cheguen o máis alto posible”, apuntou.