Nova
26/11/2020
Institucionais

Feijóo destaca a implicación dos 29 deportistas que participarán na campaña da Xunta “levando, ademais da bandeira de Galicia polo mundo, a do ‘NON’ á desigualdade e á violencia de xénero”

Reitera o firme compromiso do Goberno galego na loita contra a violencia de xénero, reflectido no desenvolvemento do Pacto de Estado nesta materia

Pontevedra, 23 de novembro de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe o agradecemento aos 29 deportistas galegos que participarán na campaña NON contra a violencia de xénero; e subliñou que, coa súa implicación e compromiso, non só levarán a bandeira de Galicia e de España por todo o mundo, grazas aos seus logros deportivos, “senón tamén a bandeira do NON á desigualdade, ao machismo e á violencia de xénero”.

Durante unha videoconferencia cos deportistas, Feijóo aproveitou para reiterar o firme compromiso do Goberno galego na loita contra a violencia de xénero, reflectido no desenvolvemento do Pacto de Estado nesta materia. Así, destacou, entre outras medidas, o apoio integral aos menores que quedan orfos; a cobertura económica e social ás vítimas gravemente feridas; ou as quendas de garda psicolóxica e social.

No eido do deporte, lembrou que o novo decreto do Deporte galego de alto nivel inclúe, por exemplo, medidas que facilitan compatibilizar o deporte coa maternidade; “e, acordamos no Parlamento deixar de patrocinar os eventos deportivos nos que os premios polos mesmos postos e categorías teñan diferenza de contía entre a competición masculina e feminina”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo autonómico incidiu en que o deporte, ademais de ser unha escola de tolerancia e de convivencia, supón unha ferramenta no camiño cara á igualdade entre homes e mulleres e na loita contra a violencia de xénero, ante a súa capacidade para unir e para facer pobo e país.

Feijóo concluíu referíndose ás traxectorias dalgúns dos deportistas que participarán na campaña como a piragüista Teresa Portela, cuxo talento e perseveranza permitiulle participar en cinco xogos olímpicos; a Adiaratou Iglesias, unha atleta á que a súa discapacidade visual non lle impediu conseguir o ano pasado a prata en 100 metros lisos e, tamén, en 200 metros lisos no campionato do mundo de paraatletismo de Dubai; e a Nikoloz Sherazadishvili, o primeiro judoka español de categoría masculina en acadar un ouro mundial.