Nova
20/08/2018
Institucionais

A Fundación Deporte Galego e a UTE Gaia – Movex Vial asinan de mutuo acordo a resolución do contrato de servizo de xestión integral dos complexos deportivos de Elviña, Sardiñeira e Agra

A Fundación Deporte Galego está elaborando uns novos pregos e o expediente para a nova licitación

Santiago, 20 de agosto de 2018.- A Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a UTE Gaia – Movex Vial veñen de asinar de mutuo acordo a resolución do contrato de servizo de xestión integral dos complexos deportivos de Elviña, Sardiñeira e Agra.

A Fundación Deporte Galego adxudicou no ano 2006 o contrato de servizo de xestión integral dos complexos deportivos de Elviña, Sardiñeira e Agra a UTE Gaia – Movex Vial

A continuidade do contrato non é aconsellable por claras razóns de interese público, xa que a adecuación do contrato ás resolucións xudiciais esixe unha serie de inversións de importe moi elevado. Esta situación xunto á necesidade de dispoñer dun novo deseño de xestión dos servizos deportivos obriga a establecer un novo escenario que garanta a viabilidade dos servizos e que permita aos cidadáns practicar actividade física acorde ás necesidades actuais.

Dentro deste acordo garántese a a continuidade no servizo ata que se proceda á adxudicación do novo contrato, establecéndose un período transitorio no que a UTE seguirá xestionando das instalacións.

Paralelamente a este período transitorio, a Fundación Deporte Galego elabora os pregos e o expediente para a licitación dun novo contrato de concesión que posibilitará a realización de novos investimentos co obxecto de acadar unhas instalacións modernas, amplas e atractivas para a fidelización dos actuais usuarios e captación dos novos.