Nova
09/04/2019
Institucionais

A Fundación Deporte Galego imparte un novo curso sobre ‘A avaliación da condición física saudable: valorar para prescribir actividade física, exercicio físico e deporte’

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou o curso salientando os avances acadados na loita contra a obesidade e lembrando que “aínda queda moito traballo por facer para erradicar un problema global que precisa da resposta de todos”

Santiago, 9 de abril de 2019.- A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego vén de dar comezo a un novo curso sobre "A avaliación da condición física saudable: valorar para prescribir actividade física, exercicio físico e deporte’ dirixido a técnicos deportivos municipais. O curso que é impartido na Escola Galega de Administración Pública desde este martes ata o vindeiro xoves, conta co obxectivo principal de formar aos técnicos na valoración da condición física saudable e coñecer o funcionamento da plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) así como os protocolos e test físicos propostos nela. Durante estes tres días, os bloques a impartir serán o marco de Galicia Saudable; exercicio físico e saúde, prescrición de exercicio e avaliación en poboacións especiais; adestramento da saúde, avaliación da condición física e protocolos; así cimo a aplicación práctica da plataforma DAFIS, ‘Coles Activos’ e concellos DAFIS.

​Na inauguración, José Ramón Lete Lasa valorou os avances realizados na loita contra a obesidade pero lembrou que a obesidade é un “problema global que nos afecta a todos e a todas e que precisa do traballo de todas as administracións, institucións e persoas para a súa erradicación”. Neste sentido falou do Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable que “nace para facer fronte a un dos grandes desafíos da saúde pública de comezos do século XXI: o aumento das mortes, enfermidades e discapacidades provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física”.

 

 

Dentro do Plan, José Ramón Lete Lasa destacou a plataforma DAFIS (Datos sobre a valoración da condición física saudable) como “un modelo de actuación a nivel internacional que actúa para coñecer a condición física de alumnos, deportistas e da cidadanía en xeral”. Do mesmo xeito lembrou que a plataforma foi recoñecida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como “exemplo de boas prácticas que poden proporcionar para os responsables políticos, escolas e investigadores unha visión xeral do tipo de accións tomadas para aumentar a actividade física en nenos e adolescentes en Estados membros da Unión Europea”. Lete Lasa informou que, “no momento actual levamos realizadas xa case 20.000 valoracións a un total de 12.500 persoas e xa se teñen conseguido metas tan importantes como o descenso dun punto da taxa de obesidade en Friol (Lugo) ou o descenso de 2 puntos na taxa de obesidade e sobrepeso en Teis (Vigo)”.

O máximo responsable do Deporte galego anunciou o obxectivo de valorar fisicamente ao “100% da nosa poboación” para que pediu a colaboración dos concellos, que se unan a este compromiso e que divulguen o potencial desta ferramenta na súa contorna.