Nova
13/01/2023
Institucionais

Galicia acada o seu cumio histórico en deportistas recoñecidos (752) e deportistas galegos de alto nivel (643)

Entre os novos 66 nomeamentos como deportistas galegos de alto nivel destacan a atleta Xela Martínez, o triatleta Antonio Serrat, a judoka Laura Vázquez ou o regatista Martín Wizner

Santiago, 12 de xaneiro de 2022.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 27 de decembro de 2022 pola que se recoñecen as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base de Galicia e diferentes colectivos deportivos, así como as solicitudes rexeitadas e a causa. En total, das 72 novas solicitudes presentadas, son 66 -o 92%- os recoñecidos, sendo, 40 deportistas de alto nivel, 6 de alto rendemento e 20 de rendemento deportivo de base.

Entre estes nomeamentos destacan novos deportistas galegos de alto nivel como a atleta Xela Martínez, o triatleta Antonio Serrat, a judoka Laura Vázquez ou o regatista Martín Wizner.

Con esta última resolución publicada no DOG a comunidade galega alcanza xa os 752 deportistas recoñecidos (283 mulleres e 469 homes), divididos en 643 de alto nivel (238 mulleres e 405 homes), 35 de alto rendemento (13 mulleres e 22 homes), 48 de rendemento deportivo de base (22 mulleres e 22 homes), 12 técnicos (1 muller e 11 homes), 3 árbitros (3 homes), 4 xuíces (3 mulleres e 1 home) e 7 vitalicios (3 mulleres e 4 . Entre os 752 deportistas recoñecidos, cómpre salientar un total de 22 deportistas con diversidade funcional (8 mulleres e 14 homes) que representan o número máis alto da serie histórica. Con todo, Galicia acada con esta resolución o seu récord de deportistas recoñecidos en todas as categorías e tamén de deportistas galegos de alto nivel.

Cómpre lembrar que o novo decreto de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base publicado polo DOG o pasado 29 de setembro de 2020, recoñece novas figuras como o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.