Nova
24/06/2024
Institucionais

Lete anima á selección feminina de hóckey, adestrada polo ourensán Carlos García, a conseguir o ouro en París, lembrando o éxito de 1992 da man de José Brasa

Destaca a aposta que a Xunta está a facer polo hóckey como demostra a posta en marcha do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Hóckey o pasado 2021 no campo de Mariñamansa

Ourense, 22 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou á selección española feminina de hóckey que estivo concentrada no campo de Mariñamansa na pasada semana con motivo da preparación dos vindeiros Xogos Olímpicos de París. A selección é adestrada polo ourensán Carlos García Cuenca, feito que o secretario xeral aproveitou para animar á selección a acadar a medalla de ouro na cita parisina, lembrando que “o fito máis grande do hóckey nacional, a medalla de ouro en Barcelona 92 foi conseguida precisamente por outro grupo excelente de mulleres adestradas por outro galego, José Brasa”.

Lete Lasa destacou a aposta que a Xunta de Galicia está a facer polo hóckey como demostra a posta en marcha do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Hóckey o pasado 2021 neste mesmo campo de Mariñamansa. O NADE está composto por 150 rapaces e rapazas sub14, sub16 e sub18 que traballan na tecnificación baixo as ordes de 14 adestradores.

O mandatario galego lembrou algúns dos nomes propios do hóckey galego como os das irmáns Piñeiro -Olalla e Rebeca-, Xurxo Cid, Antón Parente, Manu Prol ou outras que veñen pisando forte como Yurena Veloso, Adriana Dorribo, Lucía Lamelas ou Carlota Álvarez, que xa desfrutou dalgunha convocatoria coa selección absoluta.