Nova
28/04/2021
Institucionais

Lete celebra o ascenso do Aldebarán co compromiso dunha actuación no pavillón de San Sadurniño que roldará os 100.000 euros en colaboración co Concello

  • Cualifica a tempada do Aldebarán como “un gran triunfo de país” tras gañar a Copa Príncipe, a Superliga 2 e o ascenso á Superliga, a máxima división española do voleibol onde xa se atopan o Boiro e o Emevé de Lugo, que tamén ten ao seu equipo feminino na elite nacional

 

San Sadurniño (A Coruña), 28 de abril de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe o Concello de San Sadurniño no que mantivo unha xuntanza de traballo cun dos seus clubs deportivos de maior sona, o Club Deportivo Aldebarán de voleibol (Intasa San Sadurniño). Lete Lasa cualificou a tempada do Aldebarán como “un gran triunfo de país” tras gañar a Copa Príncipe no mes de xaneiro e acadar hai dúas semanas o título de Superliga 2 e o ascenso á Superliga, a máxima división española do voleibol onde xa se atopan o Boiro e o Emevé de Lugo, que tamén ten ao seu equipo feminino na elite nacional.

O mandatario galego destacou o “valor engadido da xesta do Aldebarán ao acadarse nunha vila de apenas 2.700 habitantes, nun pobo de xente traballadora que demostra que con sacrificio e constancia todo se pode conseguir”. O secretario xeral comprometeu o apoio da Secretaría Xeral para o Deporte nesta nova andaina do Aldebarán na Superliga como ten feito ata o de agora con máis de 180.000 euros en axudas desde 2009.

Substitución da cancha do pavillón municipal

A continuación da xuntanza co equipo sadurniñense, o secretario xeral mantivo outra xuntanza de traballo co alcalde do concello coruñés, Secundino García, para acordar a colaboración para a substitución da cancha de xogo do pavillón municipal, onde xoga, entre outros equipos, o Club Aldebarán.

Lete Lasa trasladou ao rexedor local a disposición da Xunta de acometer e financiar esta actuación cun importe de 46.000 euros a través dun convenio de colaboración que roldará os 100.000 euros e que achegará outras melloras ao pavillón municipal de San Sadurniño.