Nova
15/10/2019
Institucionais

Lete conmemora o 500 aniversario da Volta ao Mundo Magallanes – Elcano na 27ª edición da regata Guardiamarina do Real Club Náutico de Vigo e a Escola Naval Militar

Destaca “a importancia dos deportes de mar en Galicia así como dos eventos deportivos que teñen lugar nos nosos mares e ríos e que tanta sona acadan no mundo enteiro”

Vigo, 15 de outubro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da 27ª Edición da Regata Guardiamarina - V Centenario da Primeira Volta ao Mundo celebrada no Salón Nobre do Real Club Náutico de Vigo. Alí, o máximo responsable do deporte galego destacou que, coma no deporte, “superar os medos, primar a audacia e a valentía están sen dúbida tamén detrás da que para moitos é, aínda hoxe, a aventura máis audaz da humanidade, dar a volta ao mundo de leste a oeste pero no ano 1519”.

No seu relatorio gabou os nomes de Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano, e a aventura na que participaron “5 naves e 250 homes que partiron na Armada da Especiería en 1519, dos que tan só regresaron 18 a Sevilla, tres anos despois, na Vitoria”.

“O mar sempre foi sinónimo de xestas, de aventura e de revolucións; sinónimo de avance e de terreo e territorio para homes, e mulleres, valentes e decididos”, dixo o secretario xeral que tamén destacou “a importancia dos deportes de mar en Galicia así como dos eventos deportivos que teñen lugar nos nosos mares e ríos e que tanta sona acadan no mundo enteiro”. “Un espírito que atopamos tamén na Regata Guardamarina, da que o pasado ano celebrábanse os seus 25 anos”, apuntou. Neste sentido felicitou ao Real Club Náutico de Vigo e á Comisión Naval de Regatas da Escola Naval Militar por unha nova edición da regata.