Lete convoca ás 59 federacións para analizar o orzamento e avanzar os grandes proxectos como o novo centro de Alto Rendemento e Tecnificación
O novo centro permitirá dar resposta o espectacular crecemento do alto nivel en Galicia, que xa conta con 1.335 deportistas recoñecidos
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu no serán de hoxe unha reunión de planificación da nova tempada coas 59 federacións deportivas galegas. En primeiro termo, o mandatario galego analizou cos presidentes e responsables federativos o marco orzamentario para 2025 que se prevé que incremente o consignado en 2024 e 2023, anos nos que se acadou o récord de 5 millóns de euros para os convenios coas federacións.
Ademais, Lete Lasa debullou o proxecto de conversión do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva nun centro integrado de Alto Rendemento e Tecnificación para o que contará cunha ampliación cara Cernadiñas Novas e que, como indicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en sede parlamentaria, conta con medio millón de euros reservados no orzamento de 2025 para o inicio do mesmo. Segundo Lete Lasa, o novo centro permitirá dar resposta o espectacular crecemento do alto nivel en Galicia, que xa conta con 1.335 deportistas recoñecidos, así como atraer o alto nivel de fóra de Galicia con apoio ás federacións nacionais ou acadar un maior, e necesario, financiamento do Estado. Dentro dos grandes proxectos, o secretario xeral tamén destacou o Plan Corresponsables que xa vai pola súa terceira edición e que, grazas a axuda de todas as federacións, está a ser un rotundo éxito.
Outros asuntos tratados na reunión foron a problemática xurdida polos convenios de integración entre as federacións nacionais e galegas á que está intentando dar resposta a Secretaría Xeral en comunicación co CSD; os avances no decreto do seguro deportivo; as cuestións de coordinación e ordenación do litoral; e as reunións bilaterais entre das federacións deportivas coa Secretaría Xeral que comezarán mañá mesmo con Atletismo, Piragüismo, Remo, Vela e Ximnasia.