Nova
17/11/2022
Institucionais

Lete destaca a Galicia como berce dos mellores pilotos pero tamén dos mellores eventos de motociclismo na presentación do Nacional de Enduro

Recorda o grande éxito deportivo e organizativo acadado por Galicia na celebración de probas mundiais de enduro como aconteceu nos anos 2018, 2019 e neste 2022 en Santiago por dúas veces e en Lalín, que acolleron o Gran Premio de España do Mundial de Enduro

17 de novembro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe no Concello de Santiago a última proba do Campionato de España de Enduro que terá lugar en Compostela nesta vindeira fin de semanam do 18 ao 20 de novembro.

O mandatario galego recordou o grande éxito deportivo e organizativo acadado por Galicia na celebración de probas mundiais de enduro como aconteceu nos anos 2018, 2019 e neste 2022 en Santiago por dúas veces e en Lalín, que acolleron o Gran Premio de España do Mundial de Enduro.

Lete Lasa destacou a aposta das distintas federacións nacionais e internacionais polo deporte galego antes e despois da pandemia, que fala da excelente xestión realizada durante a crise do coronavirus e como mostra referiuse a esta última proba do Campionato de España de Enduro que ademais, terá un valor dobre e decidirá os títulos nacionais de todas as categorías.

O secretario xeral para o Deporte ratificou o apoio da Xunta de Galicia polo motociclismo galego que conta con nomes de gran importancia mundial como os de Jorge Prado e Rubén Fernández que veñen de rematar terceiro e sétimo no mundial de motocross MXGP ou Gabriel Marcelli e Jorge Casales, terceiro e cuarto no Campionato de España de trial.