Nova
18/07/2019
Institucionais

Lete Lasa amosa o seu “apoio incondicional” aos 71 padexeiros e padexeiras internacionais galegos que suman máis de medio centenar de medallas en europeos e mundiais nos dous últimos anos

A Federación Galega da Xunta recibiu máis de 7 millóns de euros nos últimos dez anos. É a federación galega que máis cartos recibe, a que ten maior número de DGAN, de bolsas DGAN e a que ten máis rapaces e rapazas no CGTD

Pontevedra, 18 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu hoxe no Centro Galego de Tecnificación Deportiva a unha ampla representación dos piragüistas galegos internacionais neste curso 2019 na categoría absoluta ou previa á absoluta (júnior e sub 23). Deste xeito, os 33 padexeiros e padexeiras que acudiron á cita no “centro da excelencia deportiva de Galicia” representan aos 71 deportistas (44 homes e 27 mulleres) que xa competiron ou competirán neste verán polas augas de todo o mundo no Mundial Sénior Pista de Hungría; o Mundial Júnior e Sub 23 Pista de Rumanía; o Europeo Júnior, Sub 23 e Sénior Maratón de Francia; o Mundial Júnior e Sub 23 de China; o Mundial Júnior e Sub 23 Slalom de Polonia; o Europeo Júnior e Sub 23 Slalom de Eslovaquia; o Europeo Descenso Augas Bravas de Eslovenia, o Europeo Júnior e Sub 23 Pista da República Checa ou o Europeo Júnior e Sub 23 Kayak Polo de Portugal. Segundo informou o secretario xeral, nos últimos dous anos -2017 e 2018- “os piragüistas galegos e galegas apañaron un total de máis de medio centenar de medallas en europeos e mundiais, moitas delas hoxe presentes aquí”.

Na súa intervención, Lete Lasa volveu a mirada atrás 45 anos para lembrar “os primeiros grandes éxitos do piragüismo galego” como foron o Campionato Mundial acadado en Belgrado na extinta Yugoslavia en 1975 e a medalla de prata colleitada nos Xogos Olímpicos de Montreal (Canadá) en 1976 por Luis Gregorio Ramos Misioné que tamén acadaría outra medalla de bronce en Moscú 1980. Estes dous éxitos conseguiunos o lucense formando parte do “mellor mellor K-4 da historia de España”. Hoxe, dixo o secretario xeral, “Galicia segue a ser unha potencia mundial no piragüismo” e a Xunta de Galicia quere “celebrar todo o que ten conseguido, o que consegue e o que conseguirá o noso piragüismo en todos estes anos”. “A nosa convicción é apoiar sempre e sen condicións ao deporte galego, polo que todos vogamos xuntos cara a mesma dirección”, engadiu.

Neste sentido lembrou como este 2019 o convenio para o desenvolvemento da actividade deportiva que asina a Xunta coa federación sobe ata os 312.141 euros, e o convenio para o mantemento de Verducido fai o propio ata os 115.000 euros. Ademais, sumando os 60.000 euros achegados pola Secretaría Xeral da Igualdade, a contía destinada pola Xunta á federación ascende ata os 487.141 euros, o máximo histórico e que representa un 31% máis que en 2018. A de piragüismo é a federación que máis cartos recibe da Xunta cun total de máis de 7 millóns de euros desde 2009.

Ademais, a tenor do Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición de Galicia da Fundación Deporte Galego os clubs piragüistas galegos reciben máis de 300.000 euros, un 30% máis que en 2018 e un total de 1,1 millóns desde 2009, sendo a cuarta federación que máis cartos recibe para os seus clubs por detrás do balonmán, baloncesto e fútbol.

Respecto aos deportistas galegos de alto nivel, o secretario xeral apuntou que a de piragüismo e a federación galega que máis deportistas DGAN ten e ademais son os que máis becas reciben con 100.000 euros en 2018, o 33% de todo o importe concedido. Por outra banda, o CGTD, lugar onde se realizou o acto, conta con 41 piragüistas que seguen o programa de tecnificación do centro, o 27% do total dos becados (152) sendo a federación con maior número de deportistas.

Os mellores padexeiros do contexto nacional

Todo este esforzo por parte da administración ten a súa recompensa xa que as licenzas deportivas de piragüismo en Galicia medraron un 57% desde 2009 cando eran 2.763. “Hoxe suman 4.326 das que o 31% son femininas”, informou. Asemade, Galicia é a comunidade autónoma con máis licenzas e con máis clubs (62).

O evento contou coa presenza dalgúns dos nomes máis ilustres do piragüismo galego como os de Teresa Portela, Oscar Graña, Tono Campos, Diego Romero, Sergio Vallejo, Adrián Sieiro, Natalia García, Tania Fernández e Tania Álvarez así como as promesas máis novas como Manuel Fontán, Carla Frieiro e Lara Feijoo.

O mandatario galego subliñou a importancia do piragüismo galego no contexto nacional xa que 19 dos 41 palistas internacionais júnior e sub 23 de distancias olímpicas e non olímpicas son galegos (o 46,3%) e no caso dos sénior ou absolutos, das 12 embarcacións olímpicas que se xogan un posto en Toquío, oito teñen presencia galega (o 67%), sendo unha porcentaxe moito maior no caso das embarcacións femininas, co 83% de presencia galega.