Nova
26/01/2019
Institucionais

Lete Lasa apoia no Porriño ao deporte base e feminino como piares estratéxicos da política da SXD

O Porriño (Pontevedra), 26 de xaneiro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, Jose Ramon Lete Lasa, destacou hoxe no Porriño o deporte base e feminino como piares estratéxicos da política da Secretaria Xeral para o Deporte. Así o fixo tras asistir aos partidos disputados no pavillón municipal de dous equipos insignia do municipio pontevedrés.

En primeiro lugar o máximo responsable do Deporte galego asistiu ao partido correspondente á décimo terceira xornada da Liga Guerreras Iberdroala que enfrontou ao Godoy Maceira BM Porriño e ao Rocasa Gran Canaria. Alí, Lete Lasa gabou a "gran competitividade do deporte feminino galego sendo referente en modalidades tan variadas como os deportes náuticos, a ximnasia, o atletismo, o baloncesto, o fútbol ou como non, o balonmán".

Posteriormente presenciou no mesmo complexo deportivo o partido entre o Porriño Baloncesto Base e o Aquimisa Carbajosa. Lete Lasa destacou o programa Xogade como unha das prioridades da Secretaría Xeral para o Deporte e subliñou a importania de fomentar os hábitos deportivos e saudables nos máis pequenos.