Nova
20/08/2019
Institucionais

Lete Lasa asegura que “ante o deporte todos somos iguais, ao tempo que todos somos diferentes” na presentación do Galego de Tríatlon e Paratríatlon

A igualdade tamén se deixa ver neste Campionato Galego xa que o sábado 24 uns 80 homes e unhas 80 mulleres competirán por ser campións e campioas de Galicia aos que hai que sumar os preto de 300 deportistas que participarán nas probas populares de sprint

Pontevedra, 20 de agosto de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe o XIX Tríatlon Cidade de Pontevedra Campionato Galego de Tríatlon de Estrada e Paratríatlon Xunta de Galicia 2019. O mandatario galego incidiu na aposta do Goberno galego pola “igualdade e a inclusividade” e lembrou a aposta do seu departamento para que todos os campionatos galegos en idade escolar sexan inclusivos e que neles poidan competir “tanto os nenos sen discapacidade como os nenos con discapacidade, porque ante o deporte todos somos iguais, ao tempo que todos somos diferentes”.

Neste sentido o secretario xeral lembrou os grandes exemplos que temos en Galicia como Susana Rodríguez Gacio, licenciada en Medicina, doce veces campioa do Mundo e cun 10% de visión, “polo que os seus éxitos deben ser admirados con aínda maior recoñecemento”. Do mesmo xeito destacou nomes propios como os de Javier Gómez Noya e Pablo Dapena, campión e o subcampión do Mundo de Longa Distancia e medalla de prata e bronce no Campionato de Europa de medio Ironman, respectivamente.

A igualdade, dixo Lete, tamén se deixa ver neste Campionato Galego xa que o sábado 24 uns 80 homes e unhas 80 mulleres competirán por ser campións e campioas de Galicia aos que hai que sumar os preto de 300 deportistas que participarán nas probas populares de sprint.

A Federación Galega de Tríatlon recibe neste 2019 a través do convenio coa Xunta un total de 167.605 euros (sumando a achega de 4.000 euros de Igualdade) o que representa un aumento de máis do 20% con respecto a 2018.