Nova
08/07/2020
Institucionais

Lete Lasa asegura que o “bo facer de Galicia en todas as súas facetas” fai posible que en 2021 chegue a Baiona unha das tres regatas de vela máis importantes do mundo

Entre 10 e 12 equipos de máis de 8 nacionalidades con regatistas dos 5 continentes competirán na 52 Super Series Baiona Sailing Week 2021, que se celebrará durante 8 días, entre o 3 e o 10 de xuño, ambos inclusive

Baiona (Pontevedra), 8 de xullo de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da 52 Super Series Baiona Sailing Week 2021, ou o que é o mesmo, “un dos tres eventos náuticos máis importantes do mundo”. Na súa intervención o mandatario galego destacou “a evidente vinculación de Baiona e deste club ao mar, como demostran as carabelas que aparecen no escudo de Baiona e que representan a esta vila como un lugar de chegada de grandes noticias e de partida de arriscados desafíos”. A chegada desta regata é importante, dixo, “porque está no top tres mundial xunto coa Copa América e a Volvo Ocean Race”.

Facendo un repaso polos grandes eventos de vela que ten acollido e que acollerá Galicia -o Mundial de J80 en 2023 tamén en Baiona, o Europeo e o Mundial da clase 6 metros en Sanxenxo, ou o Europeo Júnior de Vela 420 y 470 de 2019 en Vilagarcía de Arousa- Lete Lasa valorou a capacidade organizativa da nosa terra como un dos baluartes que fai que os eventos máis importantes do mundo queiran vir a Galicia. A esta sona hai que engadirlle agora, “o comportamento responsable dos galegos e das galegas que ocasionou que Galicia fose capaz de frear a pandemia sendo a primeira Comunidade Autónoma en saír do Estado de Alarma”. “O bo facer de Galicia en todas as súas facetas fai posible que poidamos organizar eventos de esta envergadura”, sentenciou.

A 52 Super Series será bo para Galicia ademais porque “pon outra vez o foco mundial aquí e na vela nun momento extraordinario para Galicia e para o mundo, coincidindo co Xacobeo 2021”. Este será un novo fito despois da saída da Volvo Ocean Race 2005 que “supuxo un antes e un despois e estou seguro de que este evento permitiranos dar un paso máis para seguir facendo unha verdadeira aposta polo deporte da vela, que é estratéxico para a Xunta de Galicia”.

52 Super Series Baiona Sailing Week 2021

De alto rendemento e gran prestixio internacional, as 52 Super Series son un dos tres eventos náuticos máis importantes do mundo, xunto coa Copa América e a Volta ao mundo de vela. Entre 10 e 12 equipos de máis de 8 nacionalidades con regatistas dos 5 continentes compiten a bordo de barcos con tecnoloxía de vangarda en probas que se poñen en liza durante meses en diferentes portos do mundo.

O ano que vén, unha desas etapas será a 52 Super Series Baiona Sailing Week 2021, que se celebrará durante 8 días, entre o 3 e o 10 de xuño, ambos inclusive. As primeiras dúas xornadas, os días 3 e 4, as tripulacións disputaranse regatas de adestramento na zona destinada á competición, un lugar moi próximo ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, xusto en fronte das illas Cíes. O terceiro día, 5 de xuño, está reservado para un adestramento nunha regata xa oficial aínda que non puntuable; e nas últimas 5 xornadas, do 6 ao 10, disputarase a competición propiamente dita, coas regatas que definirán a clasificación final da que sairán os gañadores.