Nova
19/06/2019
Institucionais

Lete Lasa asina os convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición da cidade de Vigo que suman preto de medio millón de euros, o 15% de todo o presuposto do plan

O número total de equipos patrocinados na cidade olívica ascende nun 16% ao pasar de 19 a 22: 10 masculinos, 11 femininos e 1 mixto

Vigo, 18 de xuño de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e mais do director da zona OP de Vigo de ABANCA, Víctor Moralejo, participou no serán de hoxe na sinatura dos convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia para o exercicio 2019 da cidade de Vigo. A resolución definitiva do Plan saíu publicada no DOG o pasado venres 14 de xuño e neste ano 2019 ascende ata os 3.332.219 euros, un 37% con respecto a 2018 cando se outorgaron 2.420.000 euros. Este importe total está cofinanciado entre a Xunta de Galicia e ABANCA.

No acto que tivo lugar na Casa do Deporte de Vigo, o secretario xeral destacou á cidade olívica como “un dos puntos estratéxicos do Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia cun total de 22 equipos patrocinados: 10 masculinos, 11 femininos e 1 mixto”. Deste xeito, o importe que reciben os equipos da cidade de Vigo que ascende aos 487.393,31 euros, medra un 47% respecto ao consignado en 2018 (331.834,96 euros) e que representa o 15% de todo o Plan. Ademais, medra o número de equipos patrocinados nun 16% ata chegar aos 22 cando eran 19 en 2018 e medra o número de equipos femininos patrocinados nun 37,5%, sendo o ano pasado 8 e este ano 11.

Os equipos patrocinados na cidade de Vigo son o Club Atletismo Femenino Celta, Real Club Celta de Atletismo, Club Deportivo Bosco, Club Amfiv, Club Balonmán Seis do Nadal-Coia, Asociación Deportiva Carballal, Unión Balonmán Lavadores, Trasnos Béisbol Club, Club Bowling Celta, Club Ciclista Rías Baixas, Club Ciclista Vigués, Club de Esgrima de Vigo El Olivo, Sárdoma Club Fútbol, SCD Atlantida de Matamá, Club Deportivo Valladares, Coruxo Club de Fútbol, Club Rápido de Bouzas, Club Halterofilia Vigo (feminino), Club Halterofilia Vigo (masculino), Vigo Rugby Club, Club Deportivo Xuvenil Teis e Club Vigo Voleibol.

Nas súas verbas o mandatario galego agradeceu o “esforzo e a aposta decidida polo deporte galego” que fai a ABANCA e que posibilita “todos estes datos que serían inalcanzables doutro xeito”. Coa súa aposta, “o maior banco de Galicia amosa ás entidades privadas que o patrocinio deportivo ten un retorno importantísimo que axuda a calquera empresa a medrar económica e socialmente”.

191 equipos en toda Galicia

En total vense beneficiados nesta convocatoria de 2019, 191 equipos en toda Galicia, un 12% máis que en 2018 (171) e un 115% máis respecto ao primeiro ano do Plan, na tempada 2008-2009 que contou con 89 equipos patrocinados. Destes 191 equipos que finalmente asinarán os convenios (foron invitados ao programa un total de 213), 100 son equipos masculinos, 85 femininos e 6 mixtos. Un ano máis, o número de equipos femininos patrocinados volve medrar, 28 equipos na tempada 2008-2009 e 72 no exercicio pasado, polo que este ano medran nun 18%.

Como novidades do Plan, cómpre destacar a simplificación administrativa que supón unha axilización nos pagos que pasan de tres a dous, así como a creación dun grupo de patrocinio para modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas con equipos en campionatos de España de máximo nivel (karate, loita, natación e ximnasia) e a ampliación dos equipos que participen no terceiro máximo nivel en modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas (fútbol e baloncesto masculino e feminino e voleibol feminino).

Desde que o Plan botou a andar na tempada 2009-2010 consignáronse a este aspecto preto de 24 millóns de euros.