Nova
02/12/2020
Institucionais

Lete Lasa confía na vocación da caza de protexer os valores naturais, de sustentabilidade e de ordenación dos recursos cinexéticos

  • A Federación Galega de Caza é a segunda federación en Galicia en número de licenzas (19.464) e a número corenta en axudas percibidas da Secretaría Xeral

Santiago, 2 de decembro de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, respondeu hoxe na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior á pregunta sobre o balance dos convenios asinados coa Federación Galega de Caza no período 2016-2020 e dos seus resultados. Alí asegurou que “a caza en Galicia dótase dunha ordenación tecnicamente rigorosa para a protección e defensa dos valores naturais da caza, afondando nos valores de sustentabilidade das poboacións e do ambiente, e da valorización desta actividade como recurso económico. A nosa lei serve á regulación do exercicio desta práctica na finalidade de protexer, conservar, fomentar e aproveitar ordenadamente os nosos recursos cinexéticos, de xeito compatible co equilibrio natural e cos distintos intereses afectados”.

Nas súas verbas, Lete Lasa contextualizou o marco legal das 58 federacións deportivas e das súas modalidades dentro da práctica do deporte libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e sen discriminación ningunha, como rexe a Lei do deporte de Galicia e define como unha actividade de interese público dadas as especiais funcións que desempeña na sociedade. Así, a Secretaría Xeral para o Deporte ten entre as súas funcións e obrigas as de coordinar a todas as federacións deportivas galegas no exercicio das funcións públicas que teñen delegadas, sen menoscabo da súa actividade privada.

A Federación Galega de Caza é a segunda federación en Galicia en número de licenzas (19.464) e a número corenta en axudas percibidas da Secretaría Xeral neste ano 2020. Ten os seus equivalentes en todos os territorios das comunidades, sendo federacións integradas a súa vez na Real Federación Española de Caza, e constituídas, cada unha delas, conforme ás normativas deportivas específicas.

Nos últimos cinco anos a Federación Galega de Caza recibiu, con cargo ao convenio de colaboración, as cantidades de 26.633 euros (2016), 28.405 (2017), 30.274 (2018), 30.323 (2019) e 30.329 (2020), sendo a federación galega que menos cartos recibe por ratio de federados. Os criterios de asignación veñen dados polos gastos de xestión, actividade, proxecto deportivo e o interese estratéxico e a boa gobernanza federativa.

Protocolo FISICOVID e mobilidade

No que respecta ao protocolo da Federación Galega de Caza, o secretario xeral asegurou que se axusta ao modelo FISICOVID-DXTGALEGO, a norma básica e de referencia para o deporte federado en Galicia. Sobre esta base, dixo, “todas as federacións deportivas de Galicia están en disposición de reanudar a súas respectivas competicións e actividades, como así o fixeron moitas delas, en condicións de seguridade para todos, o que creo é un logro do que o conxunto do deporte galego debe felicitarse e estar ben orgulloso”.

No que atinxe á mobilidade, “calquera persoa que teña licenza deportiva emitida por unha federación, estará suxeita ás restricións de mobilidade que establece na norma, nas condicións que establece a norma”. E neste aspecto aseverou que “a licencia deportiva non é ningún salvoconduto”, estando a mobilidade no ámbito deportivo suxeita a claras determinacións que deben estar convenientemente acreditadas”.