Nova
26/07/2021
Institucionais

Lete Lasa destaca ao Team Farto como un dos mellores equipos femininos de Galicia que xa se atopa entre a elite mundial

O equipo ciclista UCI continental feminino converterase no primeiro equipo galego en disputar o Ceratizit Challenge by La Vuelta -equivalente á Vuelta a España feminina que se celebra desde o ano 2015- e que nesta edición disputarase integramente en Galicia

Pontevedra, 26 de xullo de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha xuntanza de traballo co equipo ciclista UCI continental feminino Team Farto BTC que tras converterse no primeiro equipo ciclista galego feminino profesional, este ano será o primeiro equipo galego en disputar o Ceratizit Challenge by La Vuelta -equivalente á Vuelta a España feminina que se celebra desde o ano 2015- e que nesta edición disputarase integramente en Galicia e onde competirán cos mellores equipos UCI World Tour do mundo.

Cómpre salientar que nun ano Xacobeo no que La Vuelta a España terá un marcado acento galego con tres etapas con final en Santiago de Compostela, a súa proba homónima feminina stará composta por catro etapas e as catro en Galicia, tamén con final en Santiago de Compostela.

O mandatario galego saudou ás compoñentes do Team Farto e desexoulles moita sorte nesta nova aventura na que seguro “terán grandes resultados”. Do mesmo xeito, recoñeceu o talento galego do equipo que entre as súas 14 representantes conta con 3 ciclistas galegas: Sabela Rey (Escravitude), Carla Fernández (Vigo) e Inés Castaño (Rois).

Lete Lasa destacou a categoría UCI continental feminino do Team Farto BTC que o coloca como un dos mellores equipos ciclistas femininos do panorama actual cunha sétima posición no ránking elite féminas de ruta, composto por 23 equipos; unha sexta posición no ránking sub23 féminas de ruta, composto por 16 equipos; e unha décimo sétima posición no ránking júnior féminas de ruta, composto por 21 equipos.

Neste ano 2021, o Team Farto BTC recibe un total de 34.000 euros da Secretaría Xeral para o Deporte, destacando os 25.000 euros que recibe o equipo UCI continental feminino ao abeiro do Plan Publicitario de Equipos de Alta Competición da Fundación Deporte Galego.