Nova
24/10/2019
Institucionais

Lete Lasa destaca a filosofía de “altruismo, deporte local e historia” como a receita do éxito do RCN de Vigo na presentación da Semana Atlántica e do Trofeo Martín Barreiro

“Ademais de contribuír a converter á nosa vela no foco de atención mundial”, dixo, os dous eventos “coadxuvan tamén ao impulso do noso turismo, desestacionalizando completamente a oferta deportiva do verán”

 

Vigo, 23 de outubro de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acudiu na mañá de hoxe ao Salón Nobre do Real Club Náutico de Vigo que acolleu a presentación da XX Semana do Atlántico Cidade de Vigo e XLIV Trofeo Martín Barreiro 2019. O responsable do deporte galego destacou tres características como “filantropía, deporte local e historia” como a receita do éxito do Real Club Náutico de Vigo e que ben se poden ver ao longo dos eventos organizados neste 2019 como a Regata Solidaria Vigo a Vela, a Regata Mar de Maeloc Rías Baixas ou a 27ª Edición da Regata Guardiamarina.

Nas súas verbas destacou a historia do club e lembrou como en 1960 cinco rapaces ligados ao RCN de Vigo como Franco Cobas, Alberto Valtierra, Emilio Bengoechea, José Luis Méndez e Armando González formaron parte do equipo español do catro con timonel ds Olimpíadas de Roma. Desde aquelas, o Real Club Náutico de Vigo contabiliza un total de 15 olímpicos e olímpicas entre deportistas, árbitros e reservas e en disciplinas tan diversas como o remo, a vela, a natación ou o tenis en cadeira de rodas.

Esa filosofía de traballo do RCN de Vigo é a que lle permite presentar, dixo, estes dous eventos que, “ademais de contribuír a converter á nosa vela no foco de atención mundial, coadxuva tamén ao impulso do noso turismo, desestacionalizando completamente a oferta deportiva do verán”.

No primeiro ciclo, do 26 e 27 de outubro, terá lugar o Trofeo Martín Barreiro no que se disputará a Copa de España de Vaurien así como as competicións de snipe, 420 e láser para as categorías xuvenil e sénior. En total competirán uns 150 barcos. No segundo ciclo, do 31 de outubro ao 3 de novembro, terá lugar a Semana Atlántica co meeting internacional da clase optimist que disputarán os 300 barcos que tomarán a saída. Ambos os dous ciclos contarán con gran presenza galega próxima ao 70% de todas as naves.