Nova
19/01/2019
Institucionais

Lete Lasa destaca a importancia da actividade física nas idades máis temperás ante os 375 nenos e nenas que participaron na proba de campo a través Xogade no Rosal

A proba encádrase no marco do deporte escolar promovido polo programa Xogade que a Secretaría Xeral para o Deporte leva a cabo xunto as Federacións e Agrupacións Deportivas Galegas e que recolle toda a actividade deportiva e lúdica, en idade escolar promovida dende a Xunta de Galicia

O Rosal (Pontevedra), 19 de xaneiro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe á proba de campo a través que tivo lugar no campo de fútbol de A Canosa, no esteiro do Miño, do Concello do Rosal. A proba contou coa participación de 375 nenos e nenas dos colexios da zona e dos clubs de atletismo da mesma.

O máximo responsable do deporte a nivel autonómico destacou a “importancia do deporte na educación dos máis cativos porque xera modelos de vida saudable que lles acompañarán ao longo da súa vida”. “Debemos continuar promovendo o deporte base como unha das nosas prioridades para ter mellores atletas e cidadáns o día de mañá”, engadiu.

A proba encádrase no marco do deporte escolar promovido polo programa Xogade que a Secretaría Xeral para o Deporte leva a cabo xunto as Federacións e Agrupacións Deportivas Galegas e que recolle toda a actividade deportiva e lúdica, en idade escolar promovida dende a Xunta de Galicia. Do mesmo xeito, Lete Lasa agradeceu o traballo do Concello do Rosal, da Agrupación Deportiva Baixo Miño (Agrudebam), así como da Comunidade de Montes de San Miguel de Tabagón.

Os rapaces e rapazas participaron nas categoría benxamín (49 nenas e 51 nenos), alevín (58 nenas e 80 nenos), infantil (54 nenas e 58 nenos) e cadete (13 nenas e 12 nenos). Todos eles proveñen do CEP Alatamira (Salceda de Caselas), CEIP N1, CEIP N2, CEIP de Guillarei, CEIP de Randufe e CEIP de Pazos de Reis (Tui), CEIP de Tebra, CEIP de Sobrada, CEP Pedro Caselles, CEIP de Barrantes, CEIP Pintor Antonio Fernández e o IES Antón A. Ríos (Tomiño) así como do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal). Tamén terán representación os clubs de atletismo da zona como o Club Atletismo Tui (Tui) e a Sociedade Atlética Trega (Tomiño). Fóra de clasificación compiten o Club Atletismo Porriño e a Sociedade Deportiva San Xerome Emiliani. O Servizo de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia pon a disposición de todos os cativos un total de sete autobuses desde todos os centros participantes.