Nova
03/02/2021
Institucionais

Lete Lasa destaca o deporte como “sector estratéxico” no Foro de Reactivación que traballa na creación das contas satélite e no impulso do Clúster

  • Tamén se estudaron posibles propostas fiscais para o deporte e o recoñecemento da actividade física como actividade esencial

Santiago, 3 de febreiro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de presidir unha nova xuntanza do Foro de Reactivación do Deporte Galego como espazo de deliberación, análise e proposta de actuacións para o sector deportivo de Galicia no contexto posterior á crise sanitaria do COVID-19. O mandatario galego destacou o carácter estratéxico do deporte como demostra o ‘Termómetro do ecosistema do deporte en España’ que asegura que en 2018 o deporte supuxo un 3,3% do Produto Interior Bruto en España, xerando uns 40.000 millóns de euros e, ademais, o 2,1% do emprego estivo vencellado á actividade deportiva. Nese sentido, Lete Lasa lembrou como “o deporte galego recuperouse paulatinamente dos golpes que a pandemia provocou na súa actividade e o fixo grazas ao traballo, aos protocolos, ás guías e a unha responsabilidade da que todo o tecido deportivo galego débese sentir orgulloso”. “Hoxe seguimos na pelexa polo que o papel deste foro é capital”, engadiu.

Na xuntanza virtual tamén estiveron representadas institucións como a Asociación de Empresas Xestoras de Instalacións Deportivas de Galicia (AXIDEGA), a Asociación Profesional de Educadores Físicos, o Instituto Galego de Estatística e a Universidade de Vigo ademais de empresarios e patrocinadores do deporte (Jim Sports e Recalvi).

Un dos puntos tratados con maior atención foi a creación das contas satélites polo Instituto Galego de Estatística para avaliar o impacto económico do deporte en Galicia, unha ferramenta coa que a comunidade galega será pioneira neste ámbito. Ademais, informouse da constitución do Clúster da Industria do Deporte que xa foi remitido ao Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia. Baixo o paraugas do clúster, as empresas asociaranse para proporcionar recursos, capacidades, competencias, medios, formación e asesoramento ao amplo sector relacionado co ámbito deportivo.

Do mesmo xeito tamén se estudaron posibles propostas fiscais para o deporte, o recoñecemento da actividade física e o deporte como actividade esencial, a implantación de medidas para axudar á cidadanía a volver á practica físico-deportiva e evitar o sedentarismo, a revisión dos requisitos e as dificultades para abrir negocios en cada concello ou a dixitalización do deporte para simplificar a burocratización no sector.

Consenso fundamental

O obxectivo do Foro é a análise das medidas de actuación que, desde os distintos ámbitos materiais afectados, poidan formularse para establecer un marco de recuperación sostible do sector deportivo galego. Neste foro de deliberación, análise e proposta fomentarase a participación de todo o tecido deportivo galego, porque en palabras de Lete Lasa, “a coordinación cos axentes e o tecido deportivo autonómico debe ser fundamental como o ten sido dende a declaración da emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 13 de marzo”.