Nova
19/11/2019
Institucionais

Lete Lasa destaca o gran nivel do patinaxe galego na recepción de Marina Olivares, bronce mundial en salto de altura nos World Roller Games de Barcelona

Nesta competición Galicia sumou medalla en cinco probas destacando María Sanjurjo, campioa en Hóckey Patíns; Eduard Lamas e Ignacio Alabart, bronce en Hóckey Patíns; o CPA Gondomar, prata en patinaxe artística e Catuxa Castro, campioa Júnior en Hóckey Liña

Vigo, 19 de novembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo un encontro de traballo coa patinadora viguesa Marina Olivares Argibay que a pesares da súa mocidade xa ten conquistados importantes éxitos internacionais como a medalla de bronce en salto de altura acadada nos Campionatos do Mundo World Roller Games in line freestyle celebrados en Barcelona no mes de xullo. Ademais, o mandatario galego gabou a figura da deportista olívica que tamén conta no seu palmarés con medallas de ouro en campionatos de Europa Freestyle (Barcelona) e en campionatos do Mundo en Arnhem (Holanda), ambos os dous colleitados en 2018.

O secretario xeral para o Deporte destacou a participación galega nestes World Roller Games nos que os representantes galegos acadaron medalla en cinco competicións destacando María Sanjurjo, campioa en Hóckey Patíns; Eduard Lamas e Ignacio Alabart, bronce en Hóckey Patíns; o CPA Gondomar, prata en patinaxe artística e Catuxa Castro, campioa Júnior en Hóckey Liña.

Con todo, o responsable da carteira de Deportes sinalou que a Xunta de Galicia seguirá apoiando aos deportistas e a Federación de Patinaxe de Galicia, unha federación que “nos axuda na conquista dun deporte máis igualitario ao ser a cuarta con maior porcentaxe de licenzas femininas (67%)”.