Lete Lasa destaca o remo como un “deporte de tradición, de idiosincrasia, de país, de cultura e de xogo limpo” na presentación da Liga Galega de Traíñas 2019
Garante o apoio da Xunta de Galicia a este deporte como o demostra que o convenio para a organización da Liga Galega de Traiñeiras alcanza este ano un importe máximo de 110.000 euros, o que representa unha subida do 22%
Sanxenxo (Pontevedra), 16 de xuño de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na Praza dos Barcos de Sanxenxo da presentación da Liga Galega de Traíñas 2019. Alí, destacou o remo galego como “un deporte de tradición, de idiosincrasia, de país, de cultura e de xogo limpo”. Neste sentido, o mandatario galego garantiu o apoio da Xunta de Galicia a este deporte como o demostra que o convenio para a organización da Liga Galega de Traiñeiras alcanza este ano un importe máximo de 110.000 euros, o que representa unha subida do 22% con respecto ao consignado en 2018. Do mesmo xeito falou do convenio que asinado coa Federación Galega de Remo para o desenvolvemento da súa actividade e que este ano acada os 103.000 euros, un 20% máis que en 2018. E por último fitou para o crecemento das licenzas deportivas que xa suman 2.433 das que máis do 31% son femininas. Estas licenzas medraron un 120% desde 2011.
Tras facer un breve repaso á historia das traiñeiras en Galicia primeiro como “elemento de traballo que permitía apañar grandes cantidades de sardiña” e máis tarde predominando a súa “faceta deportiva configurando un espectáculo que mobilizaba a todas ás cidades en torno aos peiraos”, o secretario xeral destacou como no ano 2004 creouse a primeira liga galega de traíñas. Quince anos despois, dixo Lete Lasa, “atopámonos nun Sanxenxo que quere deporte e que, sobre todo, quere remo como xa demostrou en 2011 cando celebrou a Bandeira de Traiñeiras Sanxenxo organizada por Amegrove e en 2013 cando acolleu a Bandeira Nauta Sanxenxo da man da ACT e da LGT”.
Nas súas verbas, o secretario xeral gabou tamén a decisión tomada no ano 2015 pola que se creou a Liga Galega de Traíñas Feminina, así como a decisión de separar en 2012 a Liga Masculina en dúas divisións para “ permitir que a competición sume novos equipos”. Grazas a estas dúas escollas, dixo o secretario xeral, “na Liga Galega de Traíñas estamos todos e todas”.
27 equipos
Na Liga Galega de Traíñas 2019 competirán 27 equipos: 6 na Liga Feminina, 11 na Liga Masculina A e dez na Liga Masculina B.
Os seis equipos da Liga Feminina son Cabo de Cruz, Mugardos, Salgado-Perillo, S.D. Tirán-Pereira, Club Remo Mecos-Coruxo e Club Remo Chapela. E agardamos que cada ano se sumen novos equipos de mulleres. Os once equipos da Liga Masculina A son SD Tirán-Pereira, Samertolameu, Vilaxoán, Amegrove, Rianxo, Ares, Bueu-Teccarsa, Mecos-Mondariz, Meira, Muros e Cabo da Cruz. E os dez equipos da Liga Masculina B son Cedeira, Vila de Cangas, Esteirana, A Cabana-Ferrol, Salgado-Perillo, Mugardos, CCD Cesantes, Castropol, Chapela e Coruxo.