Nova
30/09/2023
Institucionais

Lete Lasa destaca o turismo deportivo como piar da economía galega na presentación da Semana Azul que incorpora numerosas actividades ata o 8 de outubro

A delegada territorial da Xunta en Vigo incide en que a Semana Azul "é un instrumento ideal para difundir a nosa relación co mar, unha canle extraordinaria para o intercambio cultural no noso territorio”

Vigo, 29 de setembro de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou na mañá de hoxe da inauguración da Semana Azul que terá lugar do 30 de setembro ao 8 de outubro organizada polo Cluster Náutico da Ría de Vigo.

Nas súas verbas, o mandatario galego destacou a importancia do turismo deportivo e destacou eventos como o “Congreso Internacional de Turismo Deportivo que celebramos cada ano no marco da feira Sportur”, así como as montañas, os ríos, os mares, as experiencias de turismo BTT, as competicións de golf, o Pantín Classic, o sendeirismo, os deportes acuáticos, o Camiño de Santiago ou as carreiras populares que conforman a lista da excelencia do turismo deportico galego na que tamén está a Semana Azul que atraerá aos visitantes locais e ao público nacional e internacional para coñecer un dos nosos tesouros como é a Ría de Vigo.

A Semana Azul, dixo, consta de dez días “cun gran programa de actividades onde reina a igualdade e a inclusión, xa que se trata de actividades para todo o mundo”. Lete Lasa destacou a importancia das actividades de ata seis modalidades náuticas como vela, surf, piragüismo, remo, motonáutica e pedalsurf. Ademais, tamén resaltou as numerosas demostracións deportivas públicas como partidos de waterpolo, regatas de remo ou traiñeiras con clubs de dentro e fóra de Galicia ou espectáculos de motos de auga que darán visibilidade ás empresas locais e espertarán o interese pola práctica de deportes acuáticos.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, incidiu en que a Semana Azul "é un instrumento ideal para difundir a nosa relación co mar, unha canle extraordinaria para o intercambio cultural no noso territorio”.

Con todo, enfatizou, a Semana Azul persegue o mesmo obxectivo que a Xunta de Galicia leva tantos anos promovendo co Plan Galicia Saudable, isto é, unha sociedade activa que afaste as enfermidades provocadas polo sedentarismo e a inactividade física. Neste sentido cómpre salientar que a Semana Azul conta con persoal con ampla experiencia na adaptación de actividades para persoas con mobilidade reducida ou con algún tipo de diversidade funcional.