Nova
15/09/2022
Institucionais

Lete Lasa enxalza o Núcleo de Adestramento Especializado do Club Kayak Tudense, que un ano máis organiza o Descenso Internacional do Miño

O club de piragüismo recibiu da Secretaría Xeral para o Deporte máis de 500.000 euros desde 2009 e agora vén de ser recoñecido co Núcleo de Adestramento Especializado (NADE) pola Xunta

Tui (Pontevedra), 15 de setembro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do LI Descenso Internacional do Miño que organiza o Club Kayak Tudense e que este sábado 17 de setembro contará coa participación de padexeiros de España, Portugal, Arxentina e Uruguai. Lete Lasa recordou as orixes do Descenso acudindo a 1964 cando o Club San Telmo organizou a súa primeira edición na que participaron medio centenar de embarcacións. Hoxe, dixo, “son preto dun milleiro de deportistas os que participan: 570 no descenso popular celebrado o pasado 13 de agosto e os máis de 400 que se agardan para este Descenso Internacional e federado”.

O mandatario galego recoñeceu o gran traballo do Club Kayak Tudense que desde o ano 1980 organiza o Descenso e que “tres décadas despois segue realizando esta importante e exitosa proba deportiva en augas do río Miño”.

O titular da Secretaría Xeral para o Deporte asegurou que, a pesar de que esta proba se trate dun descenso, o piragüismo galego non fai máis que medrar en participantes, como demostran as preto de 6.000 licenzas coas que conta a federación galega sendo líder nacional en practicantes e en número de clubs; en resultados, como se observa nas decenas de medallas internacionais que conseguiron os piragüistas sénior, júnior e sub23 mundo neste verán; pero tamén en colaboración autonómica. A Federación Galega de Piragüismo conta ano tras ano coa maior axuda da Secretaría Xeral para o Deporte ás federacións e o Club Kayak Tudense recibiu desde 2009 máis de medio millón de euros da Xunta.

Entre todas estas axudas, Lete Lasa destacou principalmente o recoñecemento do núcleo de adestramento deportivo especializado NADE que vén de recibir neste mesmo ano o Club Kayak Tudense para a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo.