Nova
01/08/2019
Institucionais

Lete Lasa enxalza as traíñas como "unha manifestación de profundas raíces culturais e socioeconómicas" na presentación do LXXII Campionato de España

O Goberno galego apoia á Federación Galega de Remo cunha subida dun 35% do convenio asinado en 2019 que acada os 116.000 euros; por outra banda o convenio asinado coa Liga Galega de Traíñas sobe ata os 110.000 euros rexistrando un aumento do 22%

Moaña (Pontevedra), 1 de agosto de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na sede moañesa do Club Deportivo Samertolameu na presentación do LXXII Campionato de España de Traíñas que terá lugar os vindeiros 3 e 4 de agosto. O mandatario galego enxalzou este deporte como “unha manifestación de profundas raíces culturais e socioeconómicas, que transcende con moito da mera competición deportiva”. “Tradición centenaria, sustento de familias e localidades enteiras e parte da historia sociolóxica da nosa cornixa cantábrica”, engadiu.

Na súa intervención, Lete Lasa destacou a paixón que subxace nas competicións de remo de banco fixo “polo ambiente das rúas e das ramplas dos portos, verdadeiros centros dos pobos costeiros os días de adestramento e de regata”. E tamén subliñou a igualdade da que se caracterizan estas competicións xa que “as remeiras, tan preparadas como os seus compañeiros, compiten deportivamente con igual bravura, forza e poder”.

O secretario xeral manifestou de novo o compromiso da Xunta de Galicia con este deporte “con historia que nos representa como país e como comunidade”. O Goberno galego apoia á Federación Galega de Remo cunha subida dun 35% do convenio asinado en 2019 que acada os 116.000 euros grazas á achega da Secretaría Xeral para o Deporte (103.000 euros) e da Secretaría Xeral de Igualdade (13.000 euros). O convenio asinado coa Liga Galega de Traíñas sobe ata os 110.000 euros rexistrando un aumento do 22%. Cómpre destacar que a Liga conta con 27 equipos, seis deles femininos, e que en total existen unhas 2.433 licenzas federativas de remo das que preto de 800 son femininas.