Nova
20/12/2018
Institucionais

Lete Lasa felicita ao xornal La Región polo “seu excelente traballo en prol do deporte de Ourense e de toda Galicia” na entrega dos premios +Deporte

Sitúa o obxectivo do Goberno galego en “poñer os medios para axudar cada día a máis nenos e nenas a converterse en grandes deportistas, para o que precisamos das mellores infraestruturas” como a pista cuberta de Ourense

Ourense, 19 de decembro de 2018.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participou no serán de hoxe na entrega dos premios +Deporte de La Región. No auditorio municipal, o máximo responsable do Deporte galego felicitou ao diario ourensán polo seu “excelente traballo en prol da actualidade e tamén do deporte da provincia e de Galicia”. Do mesmo xeito agradeceu aos deportistas ourensáns o seu traballo e pediulles non cesar “no empeño por ser cada día mellores, porque así estaredes contribuíndo a facer de Galicia un lugar mellor”.

Nas súas verbas lembrou como hai un ano, o 16 de decembro de 2017, o presidente da Xunta de Galicia “inauguraba en Ourense unha das tres mellores pistas de atletismo cubertas de España”. Unha infraestrutura, dixo, que foi un “éxito” xa que hoxe case o 30% dos 31 premiados e nomeados na Gala +Deporte representan a un deporte “tan tradicional e propio de Ourense e de Galicia como o atletismo”. “O noso obxectivo como Administración autonómica é seguir poñendo os medios para axudar cada día a máis nenos e nenas a converterse en grandes deportistas, e para iso precisamos das mellores infraestruturas”, engadiu.

Neste sentido, Lete Lasa transmitiu os seus parabéns aos nomeados individuais ao premio ao mellor deportista masculino e feminino -Iván Salgado (xadrez), Alejandro Fernández (atletismo) e Alejo Ares (atletismo), así como Eva Fernández (halterofilia), Beatriz Pereira (tiro olímpico) e Leticia Gil Pérez (atletismo)-; aos nomeados ao premio ao mellor deportista veterano masculino e feminino -Rubén Diz (atletismo), Luis Nogueira Fernández (atletismo) e Jesús Rodríguez León (piragüismo) pola banda dos homes e Emilia Mesa (atletismo), Cristina García Colomo (polideportivo) e Mónica Piñeiro (piragüismo) pola banda das mulleres-; e aos nomeados ao premio ao mellor deportista de base masculino e feminino -Miguel Barbado (bádminton), Alejandro Cid Masid (ximnasia), Carlos Canal Blanco (ciclismo), Antía Pérez (fútbol sala), Marta Rodríguez Cancio (ximnasio) e Ainhoa García (taekwondo)-.

Do mesmo xeito que os nomeados individualmente, o secretario xeral recoñeceu o bo facer dos conxuntos nomeados ao premio ao mellor equipo en categoría absoluta -ADAS O Barco de atletismo, Carnes do Ribeiro de balonmán e o Club Hóckey Barrocás- e de base -Bosco Infantil Feminino de baloncesto, ED Barbadás Cadete de fútbol e Sincro Ourense Infantil de natación artística-, e tamén fixo unha mención especial aos clubs que aspiraban a ser a mellor escola deportiva da provincia -Club Baloncesto Maside, Club Fluvial Allariz de Piragüismo e Club Asesou de escalada deportiva-. Por último o titular do Deporte galego destacou a importancia dos premios de adxudicación directa como foron o Premio deporte sen límites, a mención especial do xurado e o Premio ao espírito deportivo.