Nova
24/08/2019
Institucionais

Lete Lasa felicita a Teresa Portela que vén de converterse na española con máis participacións olímpicas (6) ao conseguir o bronce en k1 200 no mundial de piragüismo de Hungría

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de felicitar á padexeira de Cangas Teresa Portela pola súa medalla de bronce no Mundial de Piragüismo de Hungría na categoría de K1 200. Con esta nova presea, a deportista galega suma 32 medallas en campionatos de Europa e do Mundo e consegue un novo billete olímpico para Toquío 2020, as súas sextas olimpíadas, converténdose na española con maior número de presencias nuns Xogos. Cómpre lembrar que neste 2019, Teresa Portela recibiu da man do presidente da Xunta a Medalla Castelao.

Ademais, o mandatario galego tamén quixo facer mención da xesta doutro cangués, Pablo Graña, que vén de proclamarse campión do Mundo en C2 200. Ante esta morea de éxitos, o secretario xeral definiu a Cangas como o “berce máxico do piragüismo galego do que naceron o mellor deportista español da historia das Olimpíadas, David Cal, e a muller con maior número de participacións olímpicas, Teresa Portela”.

O secretario xeral para o Deporte tamén quixo facer fincapé na importancia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, centro de excelencia do deporte galego, onde se formou David Cal e ao que tamén pertencen Pablo Graña e Teresa Portela.

Os éxitos do piragüismo galego veñen da man dun gran apoio da Xunta de Galicia que neste 2019 sobe o convenio para o desenvolvemento da actividade deportiva da Federación Galega de Piragüiismo ata os 312.141 euros, mentres que o convenio para o mantemento de Verducido fai o propio ata os 115.000 euros. Ademais, sumando os 60.000 euros achegados pola Secretaría Xeral da Igualdade, a contía destinada pola Xunta á federación ascende ata os 487.141 euros, o máximo histórico e que representa un 31% máis que en 2018. A de piragüismo é a federación que máis cartos recibe da Xunta cun total de máis de 7 millóns de euros desde 2009.