Nova
19/06/2020
Institucionais

Lete Lasa mantén un encontro coas 31 agrupacións deportivas escolares de galicia para tratar a sinatura dos convenios, a recuperación da actividade deportiva e a nova aplicación do Xogade

  • O secretario xeral conminou ás agrupacións deportivas a usar como base o modelo FISICOVID-DXTGALEGO, aprobado hoxe no DOG, para crear unha nova ferramenta ou adaptar os protocolos a cada prácticas deportiva co obxectivo de que no “vindeiro mes de outubro” se poida “recuperar a actividade deportiva con todas as garantías de seguridade e de hixiene”

Santiago, 19 de xuño de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha xuntanza virtual cos responsables das 31 agrupacións deportivas escolares aos que recoñeceu o traballo realizado nestas datas e destacou como unha parte “fundamental e sustancial” da Secretaría Xeral para o Deporte, sobre todo na tarefa de “facer medrar o noso deporte e a nosa actividade física en idade escolar e a sumar máis e máis nenas e nenos á práctica deportiva e de actividade física para consolidar hábitos cotiáns e saudables de vida”.

Neste sentido, o mandatario galego comezou a reunión falando sobre a sinatura de convenios de colaboración para a práctica e o desenvolvemento da súa actividade no ámbito do deporte en idade escolar no marco do programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) coas 31 agrupacións deportivas escolares de Galicia. O importe total dos acordos asinados ascende a 180.000 euros, repetindo o importe destinado en 2019. En 2018 as Agrupacións Deportivas Escolares recibiron as súas axudas a través da orde de subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas. O feito de pasar dunha orde de subvencións á sinatura de 31 convenios individuais débese, dixo o secretario xeral, a “un cambio de modelo que prima a colaboración, a asistencia e a cooperación entre cada unha das agrupacións e este departamento”.

Con respecto á situación actual que vive o deporte galego, o secretario xeral para o Deporte lembrou o acordo do Consello da Xunta publicado no Diario Oficial de Galicia do pasado sábado 13 de xuño sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Neste sentido, lembrou que neste momento o deporte en Galicia debe de ser individual ou colectivo sen contacto, en grupos de ata 25 deportistas como máximo e mantendo a distancia de seguridade de 1,5 metros ou con mascarilla.

Neste sentido, Lete Lasa presentou ás 31 agrupacións deportivas escolares a ferramenta de identificación de situacións deportivas de contaxio no deporte galego. O protocolo FISICOVID-DXTGALEGO polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia, aprobado hoxe no Diario Oficial de Galicia é un instrumento realizado tras unha diagnose exhaustiva e de forma individualizada con cada unha das preto de 300 especialidades deportivas que se practican en Galicia. O secretario xeral conminou ás agrupacións deportivas a usar como base esta modelo para crear unha nova ferramenta ou adaptar os protocolos a cada práctica deportiva co obxectivo de que no “vindeiro mes de outubro” se poida “recuperar a actividade deportiva con todas as garantías de seguridade e de hixiene”.

Por último, na xuntanza coas agrupacións deportivas escolares presentouse tamén a nova aplicación do Xogade coa que traballarán agrupacións deportivas, federacións e clubs deportivos e que, en palabras do secretario xeral, será “máis intuitiva e que favorecerá unha mellor xestión tanto dos inscritos como dos sinistros para facilitar o traballo das federacións e as agrupacións deportivas escolares”.

As 31 agrupacións deportivas escolares distribúense en Galicia do seguinte xeito: 12 na provincia de Pontevedra (A Estrada, Terras do Ulla, Terra de Montes, Val Miñor, Areas Gordas, Zona Pontevedra, O Condado e Paradanta, Val do Salnés, O Pino, Baixo Miño Tui, 14 e Xoga DXT Escolar en Vigo), 8 na provincia de Ourense (Valdeorras, Alta Limia, As Burgas, Arenteiro, San Rosendo, O Ribeiro, Monterrei e A Limia), 6 na provincia de Lugo (A Montaña, Terra Cha, Surlugo, A Mariña, Lucus e Río Cabe) e 5 na provincia da Coruña (APA Liceo, El Castillo, As Rías, La Parra e Escolárix).