Nova
28/07/2022
Institucionais

Lete Lasa pon en valor o potencial náutico de Galicia e da pista olímpica de Castrelo que acollerá por primeira vez a Coupe de la Jeunesse

_Envía unha mensaxe de apoio e amosa a súa preocupación por todas as familias que estes días están a sufrir os efectos dos lumes en Galicia, e máis concretamente no concello de Castrelo de Miño

Ourense, 28 de xullo de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, asistiu este xoves á presentación da Coupe de la Jeunesse, un dos eventos de remo de maior relevancia e prestixio para menores de 18 anos do panorama internacional. A competición celebrarase os vindeiros 5, 6 e 7 de agosto nas instalacións do Club Náutico de Castrelo de Miño, na provincia de Ourense.

Nas súas verbas o mandatario galego enviou unha mensaxe de apoio, e amosou a súa preocupación por todas as familias que estes días están a sufrir os efectos dos lumes en toda Galicia, e máis concretamente no concello de Castrelo de Miño: “a auga é deporte e desfrute, pero tamén é vida, e dela dependen a de moitos veciños de Castrelo”.

Lete Lasa destacou a importancia de traer un evento deste calibre por primeira vez a Galicia posto que outorga prestixio á comunidade e fai que neste novo ciclo olímpico, multitude de deportistas de todo o mundo recorran ás nosas instalacións para o seu adestramento. 

Tamén agradeceu a aposta firme da Federación Española de Remo por Castrelo de Miño, unha das tres pistas olímpicas de remo e piragüismo de todo o país, e destacou o compromiso que a Xunta de Galicia ven tendo dende hai anos polos deportes náuticos, subliñando que tras o atletismo, o remo, a vela e o piragüismo sexa o deporte con maior representación olímpica galega.

A competición estará composta por 120 embarcacións e preto de 500 deportistas de 16 equipos, cada un correspondente a un país, que a través da suma de puntos nas distintas probas das distintas modalidades deberán conseguir colocar ó seu país no máis alto da clasificación ao remate da última xornada para facerse co título de campións.