Nova
06/03/2020
Institucionais

Lete Lasa presenta o equipamento deportivo recibido polas entidades deportivas do Morrazo (Cangas, Moaña e Vilaboa) en 2019

En total, foron 10 clubs deportivos as entidades beneficiadas por esta liña de axudas en 2019

Cangas (Pontevedra), 6 de marzo de 2020.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de presentar o equipamento deportivo recibido polas entidades e federacións deportivas da comarca do Morrazo, nomeadamente, dos concellos de Cangas, Moaña e Vilaboa, ao abeiro da resolución da Xunta de Galicia para a adquisición deste material.

En total, foron un total de 10 clubs deportivos da comarca do Morrazo as entidades beneficiadas por esta liña de axudas en 2019, sumando material por valor de preto de 90.000 euros. A Xunta de Galicia colaborou con estas entidades achegando o 80% do total do importe do material ata chegar a unha axuda global de 90.000 euros. Cómpre sinalar ademais que precisamente desde o ano 2019, o cofinanciamento pasa do 50% entre a Secretaría Xeral e entidade, a un 80% e 20%.

Os 10 clubs de Cangas, Moaña e Vilanova beneficiados en 2019 foron o Clube de Taekwondo Hebe (petos e cascos electrónicos); o Atletismo Vila de Cangas (xavelinas, pértegas. Discos, martelos e pesos); o Club de Mar Ría de Aldán (embarcacións e ergómetros); o Club de Remo Vila de Cangas (palas e remoergómetro); a Sociedade Deportiva Tirán (remos e furgoneta); o Club Taekwondo Pariño-Moaña (tatami e tapiz, petos e cascos electrónicos e receptores); a Sociedade Deportiva Samertolameu (batel e remoergómetros e vehículo para transporte de material); o Domaio F.C. (redes, material de ximnasio, caixa de primeiros auxilios e desfibrilador); o Piragüismo Vilaboa (embarcacións, palos, chalecos e caixa de primeiros auxilios); e o Club Náutico Cobres (embarcacións e palas, material de ximnasio).

Solicitudes ata o 24 de febreiro

Ademais, o pasado 22 de xaneiro o Diario Oficial de Galicia publicaba á resolución da Secretaría Xeral para o Deporte para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos para o ano 2020.

Cómpre salientar que o orzamento total da mesma será duns 700.000 euros e que a relación de equipamentos deportivos subvencionables non será limitativa podéndose ampliar a lista de material inventariable sempre que quede xustificada a súa utilización para a práctica deportiva desenvolta. Ademais, os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas poderán recibir o pagamento do 100% da subvención concedida de xeito anticipado.

As entidades beneficiarias deben estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia á data da publicación da convocatoria anual de subvencións e ter actualizados os seus estatutos ás disposicións vixentes en materia deportiva. Cómpre salientar que terán prioridade no acceso á subvención as solicitantes que non resultasen beneficiarias durante o exercicio de 2019.

O financiamento outorgado polo Goberno galego será do 80% do gasto subvencionable establecéndose como importe mínimo unha contía de 1.000 euros e máximo de 20.000 por sociedade anónima deportiva e 30.000 por federación. Precisamente, para as federacións deportivas resérvase o 30% do orzamento total da convocatoria.

A adquisición do equipamento deportivo por parte das entidades solicitantes dependerá da puntuación acadada segundo a aplicación dos criterios establecidos. Entre eles cabe destacar o apoio á igualdade de xénero que será valorado en función da porcentaxe de deportistas femininas con licenza federativa.