Nova
15/05/2020
Institucionais

Lete Lasa sinala o deporte e as novas tecnoloxías como “ferramentas innegociables” para os desafíos do futuro, nas IV Xornadas de Xestión Deportiva Municipal

  • Lembra os asuntos abordados coa FEGAMP na xuntanza do pasado martes como a elaboración dun programa transversal que contribúa á mellora da saúde e a calidade de vida ou a tramitación do decreto para a creación do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia

Santiago, 15 de maio de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou na mañá de hoxe a IV edición da Xornada de Xestión Deportiva Municipal que organiza a Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE), xunto coa Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Alí, o mandatario galego asegurou que, neste tempo, o deporte xurde como “un factor innegociable para mellorar a saúde da nosa poboación e preparala para os desafíos do mañá”. “Temos a certeza de que unha persoa sa e cunha vida activa ten máis papeletas de gañarlle a partida ao coronavirus”, apuntou.

Lete Lasa falou da importancia do tecido deportivo “que se ocupa da xestión da actividade física e do deporte”. Un sector, dixo, que conta cunha importancia crecente na economía nacional como demostran os datos do investimento público no deporte. Deste xeito asegurou que “grazas ás novas tecnoloxías podemos realizar estas xornadas para enviar unha mensaxe clara de cooperación e unión ao mundo do deporte: os xestores deportivos estamos aquí e non imos esquecernos das institucións e das persoas do noso sector porque, no mundo do deporte, este virus tamén o paramos xuntos”.

O secretario xeral subliñou o labor da FEGAMP, nomeadamente cos pequenos e medianos municipios xa que un total de 200 concellos galegos (o 65%) contan con menos de 5.000 habitantes. Neste sentido lembrou a xuntanza mantida o pasado martes na que se abordaron temas de importancia como a elaboración dun programa transversal con outros departamentos da Xunta que contribúa á mellora da saúde e a calidade de vida mediante a prescrición de actividade física a través dun promotor de exercicio, que adaptará, seguirá e avaliará a execución individual da actividade nos recursos dispoñibles dos concellos participantes. Ademais, xa está en marcha a tramitación do decreto para a creación do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia onde se inscribirán todas as instalacións deportivas de uso público da Comunidade Autónoma. Posteriormente, os datos que figuren no RIDEGA utilizaranse para confeccionar o Plan de Instalacións Deportivas de Galicia.

Lete Lasa cifrou a actividade da Secretaría Xeral para o Deporte nestes 63 días de confinamento en máis de medio centenar de xuntanzas virtuais con federacións, clubs, deportistas e asociacións do tecido deportivo galego, así como con varios actores do tecido deportivo nacional. Do mesmo xeito lembrou algunhas medidas como o mantemento dos pagos ás 58 federacións deportivas, xa relaizados; a prórroga DGAN de 6 meses aos deportistas que acababan recoñecemento en 2020; a posta en funcionamento da plataforma ‘Adestra na Casa’; ou o Plan de Reactivación do Deporte Galego que “estamos a ultimar con cada federación deportiva de Galicia para elaborar un protocolo axustado e específico para cada especialidade deportiva”.