Nova
05/12/2021
Institucionais

Lete Lasa sitúa ao piragüismo galego como "o mellor do mundo nun dos mellores anos da súa historia" na gala celebrada en Vigo

A de piragüismo é a federación galega que maior investimento recibe da Xunta, o 23% das axudas DGAN son para piragüistas, o maior número de equipos no Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición é para piragüismo e un de cada tres deportistas vencellados ao CGTD son piragüistas 

Vigo, 4 de decembro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no serán de hoxe na Gala do Piragüismo Galego 2021. No acto celebrado no Auditorio Afundación, o mandatario galego situou ao piragüismo galego como o “mellor do mundo” nun “dos mellores anos da súa historia”. Un deporte que, nos últimos anos, converteuse en “toda unha referencia nacional, continental e mesmo mundial”.

Deste xeito, as medallas de prata acadadas en Toquio por Teresa Portela, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade, xunto aos diplomas do propio Carlos e Antía Jácome, e sen esquecer a primeira participación dun piragüista paralímpico como Adrián Mosquera, supoñen “un dos maiores fitos do piragüismo galego que confirman a excelente traxectoria mantida con folgura ao longo de moitos anos”. 
Neste sentido sinalou que das máis de mil federacións autonómicas de todas España, ”tan só o piragüismo galego conseguiu sacar alomenos unha medalla en cada unha das últimas cinco edicións dos Xogos Olímpicos”. Das 19 medallas olímpicas coas que conta o piragüismo español, un total de 12 -o 63%- falan galego. Así lembrou os nomes dos 20 padexeiros olímpicos galegos que converte o piragüismo ao deporte con máis representantes olímpicos galegos despois do atletismo e entre os que se atopan o deportista español olímpico máis laureado, David Cal, e a deportista española con máis participacións olímpicas, Teresa Portela.

Lete Lasa asegurou sobre a padexeira canguesa, que se atopa preparando os Xogos de 2024 en Verducido xunto ao resto do equipo nacional, que cara a cita de París loitará “non por ser a muller española con máis participacións olímpicas, que xa o é, senón por ser unha das deportistas con máis participacións en todo o mundo”.

Referente tamén en investimento
Estes éxitos veñen referendados cun gran traballo por parte das administracións. Galicia é a comunidade que conta con máis licenzas de piragüismo sendo un terzo de todas as licenzas que hai en España. E tamén é a comunidade con maior número de clubs (62). Una preeminencia que se atopa tamén no alto nivel: dos 587 recoñecidos en Galicia, o 17% son piragüistas. 
Respecto ao investimento, Lete Lasa lembrou que desde 2009, a Federación Galega recibiu da Xunta preto de cinco millóns de euros en canto aos convenios para o desenvolvemento da súa actividade e o mantemento de Verducido, sendo a federación que máis fondos recibe da Secretaría Xeral para o Deporte. “En 2021 falamos de case 450.000 euros, unha cifra que é a máxima contía histórica recibida pola FEGAPI como vén ocorrendo nos tres últimos anos”, dixo. 

Ademais, o 23% do importe das axudas DGAN concedidas en 2020 foi para piragüistas; o Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia 2021 conta con 39 equipos de piragüismo, o número más alto dunha modalidade; e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva xunto con Verducido contan con 54 padexeiros entre tecnificación, rendemento e equipo nacioanl, polo que un de cada tres deportistas vencellados ao CGTD é de piragüismo.