Nova
11/12/2019
Institucionais

Lete Lasa supervisa o remate de tres das obras levadas a cabo na provincia de Lugo: pista de pádel e pista multideporte en Riotorto e campo de fútbol de adestramento en Castro de Rei

En total as tres actuacións suman máis de 90.000 euros investidos pola Xunta de Galicia

Riotorto, Castro de Rei e Outeiro de Rei (Lugo), 11 de decembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe os concellos lucenses de Riotorto e Castro de Rei para supervisar as obras realizadas pola Xunta de Galicia neste 2019 para a adecuación das súas instalacións deportivas.

No caso de Riotorto, a Secretaría Xeral para o Deporte instalou unha pista multideporte que, segundo informou o mandatario galego, “estará a dispoñibilidade de toda a veciñanza e que potenciará o deporte na zona municipal beneficiando ao conxunto dos cidadáns”. O orzamento da pista foi duns 30.000 euros (29.983,76 euros) achegados integramente polo Goberno galego. A pista multideporte foi realizada en madeira con formación de dúas porterías e canastras no centro de cada un dos lados curtos, acceso polos laterais das porterías e cunhas dimensións de 20 por 10 metros.

Ademais, o responsable da carteira de Deporte tamén visitou a pista de pádel, de titularidade municipal, que vén de ser remodelada coa execución da cuberta por un importe de máis de 50.000 euros (51.528,01 euros) ao abeiro do convenio asinado coa Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte investiu 15.000 euros para este cometido. A cuberta lixeira e o peche perimetral levados a cabo posibilitan achegar unha oferta deportiva de maior calidade e adecuada á climatoloxía.

Por outra banda, no Concello de Castro de Rei, o secretario xeral dirixiuse a área deportiva de Ribeiras de Lea onde leváronse a cabo obras no campo de adestramento de fútbol. As obras de remate da instalación, que consistiron na instalación do alumeado artificial, foron sufragadas na súa totalidade pola Xunta de Galicia que investiu a cantidade de 46.250 euros.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-.

En total, a provincia de Lugo verase beneficiada por obras de preto de 1 millón de euros nun total de 11 concellos e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de preto de 400.000 euros.

Outeiro de Rei

No transcurso da xornada, o secretario xeral desprazouse tamén ata o concello de Outeiro de Rei onde se reuniu coa corporación local para buscar novas vías de colaboración que beneficien ao circuíto de automobilismo, xa reformado en 2018 pola Secretaría Xeral para o Deporte como centro de deportes de motor e seguridade viaria. A intervención tivo por obxecto acondicionar os terreos para o novo trazado, dotalo dunha rede de drenaxe e executar os firmes e pavimentos, así como os bordes correspondentes. Asemade, executaranse as instalacións de rego e fontanería así como de electricidade e alumeado e sinalización.

O obxectivo destas actuacións foi a ampliación e mellora das instalacións existentes dotándoas de versatilidade e a posibilidade de simultaneidade de usos con distintas variantes. O importe total das actuacións realizadas ascendeu a 223.764,25 euros dos que a Xunta de Galicia achegou o 70% -157.000 euros- e o Concello de Outeiro o restante 30% -66.764,25 euros-.