Nova
21/03/2019
Institucionais

Lete Lasa tende a man do deporte galego aos avances tecnolóxicos que melloran os equipamentos, acadan unha competición máis xusta e optimizan o rendemento dos atletas

“A tecnoloxía avanza a un ritmo tan frenético que de non subirnos ao seu tren podemos quedar desbancados para sempre da evolución” asegura na clausura das xornadas ‘Tecnoloxía e Deporte’ organizadas por R e Cinfo en colaboración coa Xunta

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, clausurou na mañá de hoxe as xornadas de Tecnoloxía e Deporte organizadas por R e Cinfo e que contan coa colaboración da Xunta de Galicia. Na súa intervención, o mandatario galego sinalou que “mesmo os mellores deportistas do mundo precisan da tecnoloxía para mellorar o seu rendemento”. “A tecnoloxía avanza a un ritmo tan frenético que de non subirnos ao seu tren podemos quedar desbancados para sempre da evolución”, sentenciou.

Nesta liña identificou tres eidos como os máis importantes nos que actúa a tecnoloxía. Por unha banda, destacou a mellora das instalacións e equipamentos deportivos co uso de nanomateriais que optimizan o rendemento dos deportistas, un ámbito no que tamén están presentes todas aquelas ferramentas que precisen os deportistas con discapacidade, “o pulo que realizamos en prol do deporte adaptado e inclusivo ten que alcanzar tamén o eido tecnolóxico”. “Desde bates de béisbol, raquetas, paus de golf, bolas, balóns, esquís, cañas de pescar, frechas, arcos, traxes de baño, bicicletas, patíns, barcos, ata cadeiras de rodas, próteses biónicas ou gorros especiais para invidentes, case todo o material do deporte é susceptible de mellorar a través de nanomateriais”, explicou.

Así tamén falou da importancia da tecnoloxía para “acadar un xogo máis xusto que premie efectivamente a quen fai máis méritos no campo e para reducir os errores humanos dos árbitros”. “Sen a tecnoloxía no deporte, o gol de Amancio en Inglaterra 1966 sería o único gol galego nun Mundial, ata que o VAR validou o gol de Iago Aspas en Rusia 2018”, engadiu.

Por último, o secretario xeral fixo fincapé na relevancia do Big Data e da intelixencia de datos que nos ofrece análises e un traballo de scouting que outorga aos deportistas a posibilidade de mellorar a través do estudo dos seus movementos.

Para rematar, Lete Lasa advertiu que “non só temos que utilizar estes avances para mellorar a integridade física do deportista, senón tamén para axudarnos na loita contra a dopaxe marcando escrupulosamente que está e que non está permitido”. “Desde a Secretaría Xeral para o Deporte cremos ao cento por cento na mellora do deporte e dos deportistas a través da tecnoloxía sempre e cando se respecten estes límites”, sinalou.

Tecnoloxía e deporte

As xornadas celebradas no AC Pazo do Carme serviron para falar dende múltiples perspectivas sobre as posibilidades e vantaxes da innovación tecnolóxica aplicada ao deporte galego.

Na xornada de hoxe desenvolveuse un programa centrado en analizar polo miúdo como os clubs deportivos lle poden sacar o máximo partido á tecnoloxía. Para explicalo, o evento contou coa presenza de especialistas na aplicación de tecnoloxías deportivas e con empresas de produtos innovadores para clubs e federacións, que se dirixiron principalmente ás entidades do sector do deporte en proceso de transformación dixital.

Pola súa banda, o director xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, asegurou que “tecnoloxía e deporte son un binomio inseparable xa que desde o punto de vista da propia actividade, a procura continua do citius, altius, fortius non é alcanzable senón é grazas á tecnoloxía na fabricación dos materiais ou na análise e planificación do rendemento humano”.