Nova
23/11/2018
Institucionais

Marta Míguez centra a prioridade da Secretaría Xeral para o Deporte na xeneralización da práctica da actividade física e no apoio aos deportistas galegos

Sinala que a Secretaría Xeral contará en 2019 con 24.259.027 euros que supón un incremento dun 10% con respecto ao ano pasado sendo "os mellores orzamentos desde o ano 2010"

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, interveu no serán de hoxe na 'I Xornada sobre as políticas deportivas galegas' organizada pola Unión de Federacións Deportivas Galegas e que contou coa participación dos partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia e de España. Alí, a responsable do departamento deportivo da Xunta de Galicia salientou como prioridades da Secretaría Xeral para o Deporte a "xeneralización da práctica do deporte e da actividades física como ferramenta de saúde e calidade de vida da poboación, así como apoiar as e aos deportistas galegos". Para acometer esta e outras competencias da Secretaría Xeral para o Deporte contará en 2019, segundo o proxecto de orzamentos Xunta, cunha contía de 24.259.027 euros que supón un incremento dun 10% con respecto ao ano pasado sendo "os mellores orzamentos desde o ano 2010". Marta Míguez pediu "colaboración e transversalidade" para "seguir traballando xuntos en beneficio do deporte galego".

No caso dos deportistas, a secretaria xeral para o Deporte destacou que segundo a última resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, hai 426 deportistas de alto nivel (161 mulleres, 265 homes e da totalidade 6 presentan diversidade funcional), cando no ano 2006 había 188 o que representa un aumento do 126% nos últimos 12 anos. Ao fío desta idea, Marta Míguez subliñou a importancia do programa 'Eu son DGAN' que axuda aos deportistas de alto nivel na busca dun futuro laboral digno e acorde ás posibilidades de formación de cada un e cada unha, coas ferramentas axeitadas. "Desde a posta en funcionamento do programa acadáronse 42 incorporacións laborais ás que agardamos sumar moitas outras", dixo.

Así tamén, a titular do Deporte galego fixo referencia as axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel que concede a Fundación Deporte Galego e que en 2017 valoraron os resultados obtidos en 2015 e en 2016 facendo "un esforzo orzamentario extra para atender os dous exercicios concedendo 313 axudas por importe de 600.000 euros". En outubro do presente ano convocáronse as axudas que valoran os resultados de 2017 e contan cun orzamento de 300.000 euros.

Respecto aos convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia, que contan cun orzamento de 2.420.000 euros financiados pola Fundación Deporte Galego (1.694.000 euros) e por Abanca (726.000 euros), estes benefician a un total de 171 equipos galegos o que representa un incremento do 92% respecto ao primeiro ano do plan que beneficiaba a 89 equipos (2008-2009). Cómpre lembrar que o número de equipos femininos subvencionados tamén medra, de 28 na primeira tempada a 72 na actual campaña. Marta Míguez avanzou que nos vindeiros anos "seguiremos asinando estes contratos con mellores condicións para os equipos e un orzamento global con importantes incrementos que anunciaremos proximamente".

A responsable da carteira autonómica de Deporte fixo fincapé no deporte escolar e no deporte feminino como dous ámbitos prioritarios da política levada a cabo desde a Xunta de Galicia. No primeiro caso, a Secretaría Xeral conta co programa Xogade que ten como obxectivo consolidar a práctica deportiva e a actividade física entre os escolares e que aumentou a súa participación ata os 126.350 nenos e nenas, un 66% más que en 2014. No segundo caso, Marta Míguez enunciou algúns dos programas destinados especificamente ao deporte feminino que conseguiron, entre outras medidas, que hoxe haxa 55.879 licenzas femininas, un 29% máis que no 2012.

Tocante ao seguro deportivo a secretaria xeral lembrou que a Xunta asume o custo do seguro para nenos e nenas entre os 6 e 16 anos para practicar deporte federado e non federado. O importe destinado ao pago da prima é de 3’5 millóns de euros para 2018 e no 2019 incorporando importantes melloras.

Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia

O terceiro punto tratado pola secretaria xeral na xornada levada a cabo na Escola Galega de Administración Pública foron as infraestruturas deportivas de Galicia. Neste sentido recoñeceu que é competencia da Xunta de Galicia o desenvolvemento do Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia, para o que traballa previamente na Plataforma Galicia Activa que é "un banco de recursos xeo referenciado que aglutina todas as instalacións deportivas ou recreativas públicas e privadas" e que contén a día de hoxe e grazas a un traballo realizado desde 2012 un total de 1.942 recursos publicados, máis outros 300 en revisión.

A Xunta realiza un "estudo da situación atendendo aos criterios de necesidade e urxencia" que permitiu que desde o ano 2011 investiranse un total de 18.118.828,40 euros en infraestruturas propias e municipais, que sumados aos novos orzamentos de 2019 farán un total de 22.053.045,40 € nos últimos 9 exercicios orzamentarios.

Desenvolvemento normativo

A principios do verán o Consello da Xunta aprobou os decretos polos que se regula a composición e funcionamento da Comisión Galega de Control da Violencia e da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, ambas as dúas, órganos administrativos adscritos ao órgano autonómico. A primeira xa se atopa plenamente operativa e a segunda porase en marcha proximamente unha vez que xa foron propostos todos os vogais polas distintas entidades e organismos que a conforman, tal e como informou a secretaria xeral.

Así tamén a titular de Deporte falou da Rede Deporte Galego, creada en abril de 2017, e que xa celebrou catro reunións do Foro do Deporte Federado; da Escola Galega do Deporte, autorizada e posta en funcionamento en 2017 para impartir -na modalidade presencial primeiro e a distancia despois- o bloque común da formación deportiva de aquelas federacións que se atopan en período transitorio ou implantando por primeira vez na Comunidade as ensinanzas técnico deportivas de Grao Medio de Vela; e do Plan de Auditorías aprobado en 2017 cuxo custo é asumido integramente Pola Secretaría Xeral e consonte ao que xa se están a auditar 17 federacións solicitando un novo orzamento para realizar estas auditorías anualmente a todas as federacións deportivas.

No que atinxe ao proxecto de Decreto que regulará o Deporte de Alto Nivel de Galicia, Marta Míguez destacou as novidades como que se "inclúen árbitros, adestradores e xuíces; melloras nos ámbitos educativo, laboral ou económico; novos criterios técnicos e deportivos para o acceso á condición de DGAN; atención especial á muller e á conciliación familiar e a atención especial tamén aos deportistas con diversidade funcional".

Entidades e federacións deportivas

Neste punto, Marta Míguez falou da importancia da revisión do Rexistro de Entidades deportivas de Galicia que tras un proceso de depuración queda conformado por 4.923 entidades. Do mesmo xeito incidiu nos contratos de patrocinio dirixidos á celebración de eventos deportivos de gran impacto mediático que contribúen ao desenvolvemento deportivo pero tamén turístico e económico de Galicia e que neste ano beneficiaron a 45 eventos cun importe de 258.500 euros coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia.

No que respecta as axudas a entidades e federacións deportivas, a secretaria xeral destacou que desde o ano 2015, o orzamento destinado a entidades foi subindo paulatinamente ata situarse nos 6.517.684 euros consignados no proxecto de orzamentos de 2019 e que representa unha subida do 11% con respecto á cantidade consignada nos orzamentos de 2018.