Nova
30/10/2018
Eventos

Marta Míguez destaca a XLII edición da Carreira Pedestre Popular do San Martiño como a máis inclusiva e igualitaria

A secretaria xeral para o Deporte salientou que na San Martiño todas as rúas de Ourense se converten nunha gran instalación deportiva que atrae a miles de persoas promovendo hábitos de vida saudables e activos

Ourense, 30 de outubro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou esta mañá no Concello de Ourense na presentación oficial da XLII Carreira Pedestre Popular do San Martiño da que salientou o seu “gran poder de convocatoria” e a boa sensación que deixa en todos aqueles que se animan a participar ano tras ano converténdoa en “referencia ineludible para todas as persoas que aman o deporte”.

A máxima responsable do deporte a nivel autonómico puxo á San Martiño como exemplo de inclusión e igualdade lembrando que “non ten xénero e conta cos mesmos premios económicos para homes e mulleres” desde o ano 2003. Neste punto incidiu en que “a Xunta non patrocina ningún evento deportivo que non teña os mesmos premios económicos para homes e mulleres”. Ademáis nesta edición a San Martiño contará cun percorrido para persoas con diversidade funcional e cativos nados a partir do 2012.

Marta Míguez salientou que a San Martiño “e un motor dun cambio social” e remarcou que “unha edición tras outra se pode comprobar o incremento da participación feminina e da escolar” e eso, dixo “fala da boa saúde desta emblemática carreira”. Tamén fixo fincapé na súa capacidade para impulsar o desenvolvemento económico da cidade de Ourense “porque cando a xente chega á cidade para formar parte desta festa do deporte, consume aloxamento e gastronomía e coñece as ofertas para o turismo en xeral”.

A titular de Deporte galego sinalou, lembrando ao que foi promotor da proba hai 42 anos que “os que recollemos o legado de Julio Fernández e traballamos para manter a saúde dos galegos a través do deporte, estamos a cumprir a nosa misión ano tras ano” e aproveitou para felicitar “o exemplo que están a dar as nais e pais que saen a correr na San Martiño cos seus fillos e fillas” e do mesmo xeito aos cativos que “tiran pola súa familia para correr polas rúas da cidade nesta emblemática carreira”.

Marta Míguez asegurou que “pasar o tempo de lecer de forma activa e saudable mellora a toda a sociedade galega” e lembrou que a entrega de dorsais e chips para todos os participantes da San Martiño se fará en Sportur, o Salón do Deporte e Turismo Activo que se celebrará do 15 ao 17 de novembro en Expourense.