Nova
26/10/2018
Eventos

Marta Míguez gaba a figura do adestrador deportivo como “confidente, mentor, pai deportivo e psicólogo” na inauguración do congreso internacional de Catoira

Sinala que desde a Secretaría Xeral “protéxese e blíndase a figura do adestrador” a través de medidas como o decreto de deportistas de alto nivel de Galicia “que será aprobado neste mesmo ano e que recolle importantes vantaxes non só para os deportistas, senón tamén para os adestradores e árbitros galegos”

Catoira (Pontevedra), 26 de outubro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou hoxe na xornada inaugural do VII Congreso Internacional de Adestradores de Piragüísmo de Augas Tranquilas e I Congreso Internacional de Slalom que ten lugar en Catoira desde hoxe ata o domingo. Alí, referiuse a Suso Morlán, “o mellor preparador da historia do piragüismo galego” para enxalzar a figura dos adestradores que “ten moito que ver nos méritos e nos éxitos que acadan os deportistas aos que adestra, educa, forma e fai medrar”. “O adestrador prepara e adecúa física e tecnicamente ao deportista, analiza aos rivais, elixe as estratexias, potencia as cualidades do seu deportista e minimiza os seus defectos e sobre todo escoita, consola, anima e motiva traballando coma un confidente, un mentor, un pai deportivo e un psicólogo”, apuntou.

 

Nesta liña, a responsable do Deporte galego sinalou que desde a Secretaría Xeral para o Deporte “protéxese e blíndase a figura do adestrador” a través de medidas como o borrador definitivo do decreto de deportistas de alto nivel de Galicia “que será aprobado neste mesmo ano e que recolle importantes vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, non só para os deportistas, senón tamén para os adestradores e árbitros galegos que adquiran este recoñecemento”.

 

Deste xeito, a titular da carteira autonómica deportiva sinalou a importancia de congresos como o de Catoira que conta cos obxectivos de “formar aos técnicos dos clubs de piragüismo, formar aos alumnos e alumnas do grao en Ciencias das Actividades Físicas e do Deporte e proporcionar aos adestradores de piragüismo unhas xornadas que sirvan de nexo para a difusión de coñecementos científicos e deportivos”.

 

Nos tres días que durará o congreso, debateranse temas tan importantes como o deporte feminino, o deporte adaptado, o deporte olímpico ou a dopaxe, temas que a secretaria xeral considerou “de magna importancia” para a Xunta de Galicia. Neste sentido lembrou que o proceso de designación de membros da Comisión de Represión e Control da Dopaxe está próximo a finalizar como paso previo á súa posta en marcha así como outras medidas en prol do deporte feminino -como o acordo de deixar de patrocinar os eventos deportivos nos que os premios polos mesmos postos e categorías teñan diferenza de contía entre a competición masculina e feminina-, o deporte adaptado ou o deporte olímpico.