Nova
05/04/2019
Institucionais

O Diario Oficial de Galicia publica a nova lista de deportistas de alto nivel que chega aos 403, dos que 156 son mulleres, 247 homes e 10 deportistas con discapacidade, o máximo histórico

Tal e como avanzou o secretario xeral para o Deporte no Parlamento de Galicia, o decreto de alto nivel verá a luz no vindeiro trimestre do ano e neste decreto desenvolverase a Oficina de Atención ao Deportista que “será a encargada de prestar os servizos de información, orientación e acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas”

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2019.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do 25 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel polo procedemento iniciado en novembro de 2018, así como as solicitudes desestimadas e a causa

Nesta nova resolución recoñécense a 95 novos deportistas galegos e galegas de alto nivel polo procedemento iniciado en novembro de 2018 (34 mulleres, 61 homes e 4 deportistas con discapacidade) que se suman á lista de 308 deportistas galegos e galegas de alto nivel recoñecidos en anteriores convocatorias (122 mulleres, 186 homes e 6 deportistas con discapacidade). No momento actual Galicia conta con 403 deportistas galegos e galegas de alto nivel (156 mulleres e 247 homes), dos que 10 (8 homes e 2 mulleres) son deportistas con discapacidade, o número máis elevado desde que se recoñecen aos deportistas galegos e galegas de alto nivel, o 2004.

Ademais, cómpre salientar que hai un total de 105 deportistas non recoñecidos dos que 87 o son por non cumprir o criterio deportivo que figura no anexo I da Orde do 30 de maio de 2005 pola que se establecen os criterios para recoñecemento dos deportistas galegos de alto nivel, en desenvolvemento do Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro; 6 por estar xa recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel e outros 12 por non cumprir trámite administrativo e fóra de prazo.

Decreto do Deporte de Alto Nivel de Galicia

Tal e como avanzou o secretario xeral para o Deporte no Parlamento de Galicia, o decreto de alto nivel verá a luz no vindeiro trimestre do ano e neste decreto desenvolverase a Oficina de Atención ao Deportista que “será a encargada de prestar os servizos de información, orientación e acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas”.

A Secretaría Xeral para o Deporte continúa traballando no decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores e árbitros galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.