O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das subvencións ás 16 federacións que participarán nunha nova edición do Plan Corresponsables
O plan promove, por cuarto ano consecutivo, a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos de ata 16 anos, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportiva
Santiago, 18 de agosto de 2025.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025. Nesta ocasión serán 16 as federacións deportivas galegas participantes: judo, remo, bádminton, tenis de mesa, squash, balonmán, bolos, salvamento e socorrismo, piragüismo, vela, taekwondo, fútbol, loita, montañismo, esgrima, e surf.
O plan promove, por cuarto ano consecutivo, a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos de ata 16 anos ao cargo fomentando a corresponsabilidade, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportiva para nenos e nenas e mozos e mozas destas idades. Deste xeito, mellorarase a vida cotiá das familias e a súa conciliación laboral, familiar e persoal, sobre todo coincidindo coas vacacións de verán nos centros educativos.
Ademais de promocionar a igualdade e a corresponsabilidade entre mulleres e homes, o Plan Corresponsables fomenta o deporte base achegándolle á rapazada distintas modalidades e favorecendo a convivencia e o xogo en equipo desde as idades máis temperás e a adquisición de hábitos de vida saudables grazas aos beneficios do deporte para a saúde física e mental. Tamén axuda á creación de emprego de calidade no sector dos coidados garantindo a calidade dos servizos mediante as bolsas de coidado profesional.
A través deste apoio, a Xunta financia os gastos derivados da habilitación de servizos de coidado profesional de nenos, nenas e mocidade ata 16 anos inclusive, isto é, custos salariais e de cotización á Seguridade Social e gastos relacionados co desenvolvemento de actividades de animación socio deportiva realizadas polas federacións no marco dos seus programas deportivos.
A participación no plan sumou nas edicións anteriores case 40.000 menores. Ademais, tras o éxito colleitado, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asinou un convenio coas tres universidades galegas -Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVigo)-, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables. Deste xeito, ao igual que as federacións deportivas, tamén poden organizar actividades e axudar a conciliar ás familias grazas ao deporte.