Nova
21/11/2022
Federativas

O Real Club Tenis Coruña ascende á 2ª categoría do Campionato de España Absoluto por Equipos de Clubes 2022

Cara e cruz para as seleccións galegas que disputaron o Campionato de España Absoluto por Equipos de Clubes 2022 – 3ª Categoría. O Real Club Tenis Coruña e o Sporting Club Casino Coruña disputaron esta fin de semana a fase de ascenso á 2ª división nacional do Campionato de España Absoluto por Equipos de Clubes.

O sábado 19 de novembro o Sporting Club Casino Coruña, dirixido por Juan Pardo, xogou en Platja d'Aro ante o conxunto local. O Casino Coruña aliñou a Juan Pardo, Hugo Suárez, Pedro Ecenarro, Eric Soriano e Adrián Sabrojo, e a pesar de levar un gran campionato na terceira categoría, non logrou o ascenso tras perder por 4-1 ante un bo conxunto local. O equipo estivo formado por máis xogadores que non puideron xogar na última eliminatoria: Miguel Crespo Rozados, Juan Amador Ruíz, León Ferrán Valverde e Ángel Montero Lage.

O domingo 20 de novembro o Real Club de Tenis Coruña xogou en Santander ante a Real Sociedade de Tenis La Magdalena. O conxunto dirixido por Iago Fernández-Reija Varela, acadou unha rotunda vitoria, 5-0 tras gañar todos os individuais. Neste caso, o equipo disputou partidos individuais con David Cao Pardal, Alejandro Vizoso Ansedes, Luis E. Fdez Labarta, Álvaro Fdez Horta e Noel Villarabide Varela, pero tamén formaron parte do equipo José Basanta, Alejandro Pardo e Jesús Bouza (que exerceu de capitán xogador en varias eliminatorias).