Nova
31/05/2019
Institucionais

O secretario xeral destaca o deporte como "un dos fenómenos sociais que nos fan medrar desde distintas áreas como a educación, integración, saúde ou economía"

Lembra que a Secretaría Xeral conta cun orzamento total de 24.259.027 euros –un 9,2% máis que en 2018- dos que 4.306.000 euros –preto dun 15% máis que en 2018- son consignados para os convenios de colaboración coas 58 federacións

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, impartiu na mañá de hoxe a conferencia inaugural do III Congreso Internacional sobre Fútbol, Fútbol Sala e Psicoloxía titulada Liñas estratéxicas para o deporte galego. Nesta intervención, o mandatario galego destacou o deporte como “un dos principais fenómenos sociais que nos poden facer crecer como individuos e como colectividades, e iso ademais desde as distintas áreas de actuación que ven afectadas como a educación, a integración, a saúde, o emprego ou a economía”.

Dentro das ‘Liñas estratéxicas para o deporte galego’, Lete Lasa destacou a política deportiva de competición. Neste eido subliñou que segundo o Anuario de Estatísticas Deportivas 2019 do Ministerio de Cultura e Deporte do goberno de España, Galicia pechou 2018 con 286.304 licenzas deportivas e 5.303 clubs, sendo a quinta comunidade autónoma en senllos parámetros. “Unha posición da nosa Comunidade que a publicación en liña especializada en información económica do deporte, Palco23, recoloca no top 3”, engadiu.

Ao fío desta idea lembrou que a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento total de 24.259.027 euros –un 9,2% máis que en 2018- dos que 4.306.000 euros –preto dun 15% máis que en 2018- son consignados para os convenios de colaboración coas 58 federacións deportivas de Galicia, “o maior esforzo orzamentario deste departamento”. Ademais tamén valorou outras partidas complementarias destinadas á adquisición de equipamento deportivo (preto de 200.000 euros en 2019), ou novas liñas de financiamento de patrocinios e eventos deportivos (respectivamente 550.000 e 286.000 euros). Por outra banda, os clubs deportivos, tanto de base como de alta competición, reciben directamente máis de 5.220.000 euros, superando nun 21% as dotacións do exercicio anterior. Este 2019 tamén contempla axudas a directas á adquisición de equipamentos e á organización de eventos para os clubs deportivos galegos, ascendendo estas a 422.000 e 550.000 euros respectivamente.

Programa XOGADE e deporte feminino

No que atinxe á actividade deportiva en idade escolar, Lete Lasa destacou o programa XOGADE que na pasada tempada contou con 126.350 nenos e nenas mutualizados –o 55,2% da poboación matriculada nos centros educativos de toda Galicia-, “todo un éxito do deporte nas idades máis temperás se nos fixamos en que, no seu arranque histórico, este contaba con pouco máis de 46.000 nenos”. Respecto ao deporte feminino situou a igualdade como “un dos retos máis esenciais aos que nos enfrontamos nas nosas sociedades, e o deporte ha de ser un campo prioritario de actuación, polo que supón e polo que representa”.

Plan Galicia Saudable

O responsable do deporte galego destacou o Plan Galicia Saudable cono “outro dos plans máis relevantes de intervención pública do noso departamento”. “O incuestionable da imprescindible presenza do deporte e da actividade física en calquera sociedade sa e saudable que pretenda maiores cotas de benestar é xa unha evidencia científica, institucional e ata social”, asegurou. Nesta liña salientou que o pasado mes de setembro, a Organización Mundial da Saúde recollía a ferramenta DAFIS (Datos de Actividade Física) na súa guía europea como unha plataforma de éxito e boas prácticas.