O secretario xeral para o Deporte asegura que “Galicia é fútbol” nos actos de celebración do 110 aniversario da Real Federación Galega
Informa que as máis de 90.000 licenzas coas que conta a Federación a día de hoxe representan case o dobre das que había en 2009 (48.175) e un aumento das licenzas femininas do 700%
Santiago, 12 de novembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe xunto á secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, dos actos con motivo do 110 aniversario da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) e a visita do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales que tiveron lugar no Estadio Municipal Vero Boquete de San Lázaro.
Tras a visita á exposición ‘Galicia como fútbol’, sobre os feitos máis relevantes da historia do fútbol en Galicia reinaugurada na sede da RFGF en Santiago, o secretario xeral para o Deporte asegurou na súa quenda de palabra da Asemblea Extraordinaria que “Galicia é fútbol, como demostran as máis de 90.000 licenzas de deportistas federados coas que conta a Federación a día de hoxe, case o dobre dos que había en 2009 (48.175) e cun aumento das licenzas femininas do 700% pois naquel ano eran 960 e hoxe suman 6.731”.
Precisamente o mandatario galego fitou cara o fútbol feminino para valorar todos os cambios logrados desde 1924 cando Irene González Basanta convertíase na primeira muller futbolista en Galicia e en España. Lete Lasa destacou a “especial atención” da Xunta neste eido e lembrou que nos Premios do Deporte Galego 2018 catro galardoadas representan o fútbol feminino galego como son Malena Mieres García, Teresa Abelleira Donas e Nuria Rábano Blanco como mellores deportistas revelación e as mozas do Peixes Rubén de Burela como mellor equipo feminino. Neste sentido, valorou os esforzos do presidente da RFEF para acadar o primeiro convenio colectivo do fútbol feminino español xa que “ese é o papel das federacións deportivas: colaborar, organizar e promover a modalidade deportiva en xeral”.
110 anos de historia
O secretario xeral felicitou á Real Federación Galega de Fútbol polos seus 110 anos de historia e subliñou que naceu tan só un mes despois do “primeiro movemento asociativo do fútbol español, cando se constituíu a Federación Española de Clubs de Football” e catro anos antes de que a RFEF fora fundada en 1913. “A RFGF leva impulsando o fútbol galego desde que en España existiron as primeiras asociacións de clubs”, dixo.
Deste século e dez anos de historia, Lete Lasa valorou tres momentos históricos de importancia como a inclusión da federación galega no programa Xogade no ano 2011, o proceso de integración da Federación Galega de Fútbol Sala na Federación Galega de Fútbol en 2017 e a consecución do título de Real, concedido polo Rei Felipe VI mediante unha credencial de data 26 de xuño de 2017.
O secretario xeral ratificou o compromiso da Xunta co fútbol galego como demostra que sexa a segunda federación con maior investimento autonómico, tan só detrás de piragüismo.