Nova
29/03/2019
Institucionais

O secretario xeral para o Deporte asegura que Galicia está lista para converterse no epicentro do deporte mundial a 30 días de que dea comezo o ITU Multisport World Championships

Lembra que do 27 de abril ao 4 de maio celebraranse en Pontevedra cinco campionatos mundiais: dúatlon, aquabike, acuatlon, tríatlon cross e tríatlon longa distancia

Pontevedra, 28 de marzo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe no acto institucional A 30 días do inicio do Mundial para conmemorar a proximidade do ITU Multisport World Championships. Alí, o responsable do Deporte galego asegurou que, 30 días antes de dar o pistoletazo de saída a cinco campionatos mundiais en Pontevedra, “queremos mandar a mensaxe de que estamos preparados e de que todo obedece a un rigor miúdo e profesional”. “Estamos listos para que Galicia e Pontevedra se convertan no epicentro do deporte mundial e como non, do tríatlon” sentenciou.

No seu relatorio, o secretario xeral lembrou a vitoria de Pablo Dapena que o pasado ano gañaba o Campionato Mundial de Tríatlon de Longa Distancia celebrado en Odense (Dinamarca) no contexto do Festival ITU Multisport. Neste sentido apuntou que no deporte galego “con esforzo, traballo, constancia e sacrificio acádanse as metas máis impensables”.

O titular da carteira deportiva autonómica lembrou que do 27 de abril ao 4 de maio celebraranse en Pontevedra cinco campionatos mundiais. Serán os de dúatlon, aquabike, acuatlon, tríatlon cross e tríatlon longa distancia. Lete Lasa quixo destacar a loita pola igualdade que realiza o ITU Multisport decorando á súa mascota, Ravachol, con cores violetas e consignas contra o machismo. Por iso, o secretario xeral rematou a súa intervención asegurando que os cartos investidos pola Xunta de Galicia “ben investidos están, porque con esta colaboración o Goberno galego inviste en turismo, saúde, ocio, deporte de alto nivel, calidade de vida para os galegos e galegas e igualdade”.