Nova
09/05/2019
Institucionais

O secretario xeral para o Deporte destaca o nivel do bádminton galego con catro deportistas do CGTD entre os catro primeiros postos do ránking nacional

Na presentación dos Campionatos de España de Bádminton Absoluto e sub 11 que se disputará do 10 ao 12 de maio no Pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra

Pontevedra, 9 de maio de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na presentación dos Campionatos de España de Bádminton, Absoluto e sub 11, que terán lugar no Pavillón Príncipe Felipe do 10 ao 12 de maio. De entre os 220 deportistas que competirán esta fin de semana en Pontevedra, o secretario xeral destacou aos 60 galegos e galegas que representan o 27% do total e dentro deles nomeou a catro deportistas vencellados ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva como son Miguel Barbado (terceiro no ránking nacional individual), Manuel Brea (cuarto no ránking nacional individual e dobles), Álex Nogueira (cuarto ránking nacional dobles) e Ana Carbón (cuarta ránking nacional individual).

Nese sentido, o mandatario galego destacou a Galicia e a Pontevedra como “terras de bádminton” como demostra que esta disciplina sexa unha das 12 modalidades deportivas impartidas no CGTD. Ademais o secretario xeral informou que Galicia é a segunda comunidade con maior número de licencias e clubs (segundo os datos do CSD) e que este ano pasado 2018 alcanzouse o maior número histórico de licencias, un 31% más que en 2017 (segundo os datos propios da Secretaría Xeral).

Lete Lasa lamentou a ausencia da campioa olímpica Carolina Marín no Campionato de España por mor dunha lesión pero subliñou o excelente nivel do torneo que contará con algúns dos “primeiras espadas da armada española” como Pablo Abián, Enrique Peñalver, Sara Peñalver ou Clara Azurmendi.

Respecto aos máis pequenos, o secretario xeral destacou as expectativas da número un do ránking nacional, a galega da Estrada, Iziar Barcala. “Son as novas promesas do deporte como Iziar onde deben estar dirixidos todos os nosos esforzos, por elo desde hai anos melloramos cada tempada o Programa XOGADE que reúne toda a oferta deportiva, escolar e federada, para os nenos e nenas de Galicia promovida polo Goberno galego”, apuntou. Ao fío desta idea destacou o éxito deste programa que queda referendado por fitos como o acadado hai unhas semanas en Alicante onde tres rapazas galegas -Ania Setién, Ana Carbón e Lucía Rodríguez- acadaron o primeiro, segundo e terceiro posto respectivamente no Campionato de España sub 19.