Nova
27/06/2019
Institucionais

O secretario xeral para o Deporte recibe aos primeiros bañistas na apertura das piscinas do Complexo Deportivo de Monterrei

Valora a calidade da “rede de infraestruturas deportivas de Galicia, tanto dos concellos e deputacións como as de titularidade autonómica, que permite garantir que os nosos deportistas realicen as súas actividades deportivas nun entorno óptimo e con todas as garantías de éxito, así como o lecer da nosa poboación”

Pereiro de Aguiar (Ourense), 27 de xuño de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz , polo xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel e polo alcalde de Pereiro, Luis Menor, visitou esta mañá o concello ourensán de Pereiro de Aguiar onde recibiu aos primeiros bañistas da tempada na apertura das piscinas do complexo deportivo de Monterrei. Entre os primeiros visitantes atopábanse os grupos do Club Maristas Baloncesto, Campus Base Porriño Baloncesto e o CEIP Fermín Bouza Brey de Vigo.

Alí, o mandatario galego valorou a calidade da “rede de infraestruturas deportivas de Galicia, tanto dos concellos e deputacións como as de titularidade autonómica, que permite garantir que os nosos deportistas realicen as súas actividades deportivas nun entorno óptimo e con todas as garantías de éxito”. Dentro desta aposta polas instalacións deportivas da comunidade, dixo, “cómpre salientar que renovando e traballando na mellora das nosas infraestruturas, tamén estamos a realizar unha gran aposta polo tempo de lecer e as actividades lúdicas dos ourensáns como é o caso destas piscinas de Monterrei que hoxe abren as súas portas ao público”.

O Complexo Deportivo de Monterrei, de titularidade autonómica, está aberto todos os días da semana de 9 a 22 horas en horario ininterrompido para os cidadáns de todas as idades, federacións deportivas galegas, clubs deportivos e asociacións, peñas e grupos de amigos. O complexo deportivo componse de catro pistas de tenis (dúas de herba artificial e dúas de formigón poroso), dúas pistas polideportivas de cemento pulido, dúas pistas de pádel, estadio de atletismo, vestiarios e oficinas administrativas, complexo acuático (con seis piscinas descubertas), zona verde natural e parque infantil. As piscinas estarán abertas ao público os 3 meses de verán en horario de 12 a 21 horas.

A finais de 2017 a Secretaría Xeral para o Deporte actuou na reposición do pavimento así como o pintado das liñas do campo da pista polideportiva de Monterrei cun investimento de preto de 40.000 euros (39.322 euros). En 2018 leváronse a cabo reparacións na piscina de ondas por importe de preto de 15.000 euros (14.819,60 euros). Neste mesmo ano realizáronse reparacións varias na zona de piscinas por importe de 44.000 euros (43.839,20 euros).